AS VEAS abertas de América Latina, que dicía Eduardo Galeano, québranse. Laceradas, perderon o pouco sangue que retiñan, pero ninguén parece disposto a inxectarlles unha transfusión urxente desde os países ricos. O día da Hispanidade, en Nova York, o conselleiro de Cultura, Pérez Varela, bendicía os efectos benefactores da conquista de América, e ese mesmo día, no concello de Baiona, ética e culturalmente desolado polo poder político desde hai anos, celebrábanse os fastos da chegada da Pinta. Mentres tanto, a realidade acidísima de América Latina continuaba a lanzar, desesperada, os últimos estertores. Aínda que non o teño demasiado claro, se cadra o que se celebra o día da Hispanidade son os 185.000 quilos de ouro e os 16 millóns de quilos de prata que chegaron a Sanlúcar de Barrameda entre 1503 e 1660. Por suposto, ese pequeno préstamo histórico sen maior trascendencia non invalida para Occidente que hoxe América Latina teña que pagar a débeda externa contraída co mundo desenvolvido. Desde os países ricos bastante se fai con lanzar unha ollada piadosa para unha Latinoamérica empobrecida, dolarizada, asolada pola corrupción e, por suposto, sometida a políticas neocoloniais que a deshidratan. Latinoamérica é unha longa sombra de desasosego: Arxentina, degradada e vapuleada pola corrupción política; Uruguai, cunha situación similar; Colombia asolada pola violencia, cun novo presidente, Uribe, que teima en abocar o país a unha especie de eterno estado de excepción; Chile, que non soubo axustar contas co seu pasado; Nicaragua (toda Centroamérica), social e politicamente desestructurada, co ex-presidente Alemán acusado de corrupción; Venezuela enfrontada e tensionada ata o límite, cun Chaves acosado que pugna por conseguir unha sociedade racionalizada a partir dunha economía nacional... Hoxe por hoxe, só a victoria de Lula en Brasil (baixo a preocupada mirada de Bush) pode abrir de novo as esperanzas para toda América Latina. Se Lula vence e logra executar un programa mínimo que dignifique o país e impulse o traballo, a sanidade, a educación e a xustiza, as expectativas latinoamericanas poden ser enormes. Porque, nestes tristes momentos, el é o único que aglutina o eterno soño de igualdade.