Camus, de Arxel a París

| FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO |

OPINIÓN

14 oct 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

RELEMBRAMOS. Era polo 1940. Levabamos uns poucos meses aveciñados en Vigo. Nese mesmo ano, chega a París un home da nosa idade, o alxerino de Mendovi, Albert Camus. O xove xornalista africano, pequeno, mourán, entraba na cidade do Sena pobre de cartos, pero posuía magníficas potencias intelectuais e afectivas. Sentira latexar a beleza na fresca aperta do mar. A historia nas pedras da urbe romana abandonaba. A liberdade no vento do deserto. Comezara por cantar soamente as súas Noces terrestres coa vida. Porén, guindado axiña ó París da guerra, comprendeu que nacera nunha época herdeira dunha historia apodrecida «na que se mesturan as revolucións frustradas, as técnicas que chegan á tolería, os deuses mortos e as ideoloxías esgurripadas». Adoitou entón as dúas cárregas que fixeron a grandeza do escritor: «Servir á liberdade e servir á verdade». Reflicte nas súas anotacións a pintura dun París de soidade, duro, monstruoso, macio, hostil. O alxerino doente coñece o rostro de París. O que quizais ollaron Baudelaire e Lautreamont, Verlaine e Rimbaud. O París sen enfeites de Axencia Cook. Nese París, como en tódalas partes, bateu Camus coa morte. Non só a morte da guerra que estoupa en plena anotación. Que lle crea os máis atroces problemas de conciencia. Tamén a morte cotiá, a paseniña morte da doenza. A morte dos que se chimpan desde un piso alto porque non aturan a soidade. A morte alimentada en vida polos suicidas. En París proseguiu Camus o seu labor de xornalista. Rematou O estranxeiro , encetou o Mito de Sísifo . Trasládase a Lyon. No 1941 volta a Arxel. Adícase aquí o ensino nunha escola privada. Anda a preparar A peste . Pero a capital de Francia tiraba del. É alí onde ía xurdir, podente, a súa sona de escritor. Foi o 1942, ano da revelación de Camus, coa publicación de L'Etranger . Apareceu a obra cando aínda non rematara a guerra. Así e todo, a curiosidade admirativa da crítica e do público embórcanse decontado sobre el. De pouco despois data o ensaio O mito de Sísifo . Nas súas páxinas reflicte o esencial da súa actitude filosófica diante da vida. Conteñen asemade, potencialmente, os temas dalgunhas obras posteriores. A historia da vida do escritor, a partir de entón, é máis coñecida. Actuou na Resistencia xunto con Malraux e Pascual Pía. Relaciónase con Paul Sartre. Ocupa a xefatura de redacción de Combat . Neste xornal apareceron aqueles sonados editoriais que se editaron posteriormente en volume co título de Actuelles. Despois da liberación de Francia, o prestixio do intelectual afortalouse coa aparición da novela A peste . Acada éxitos coas súas dúas primeiras obras de teatro: O malentendido e Calígula. Importantes actores como María Casares e Gerard Philippe son os principais intérpretes. En Os xustos a propia María Casares volve ser protagonista. Jean-Louis Barralt monta O estado de sitio. O final de Albert Camus produciuse o 4 de xaneiro do 1960. Na estrada de París-Niza, o auto no que viaxaba patinou e esboufouse. El escribira en A peste : «Chimpado de súpeto ó silencio máis mesto da terra, sen tempo para nada». Así finou o autor dunha literatura caracterizada polos temas que o apaixoaron: a beleza, a liberdade, o destino do home...