¿Vén a Inquisición?

MANUEL ESPIÑA

OPINIÓN

COMO a corrente Somos Igrexa organiza un encontro internacional pola renovación da Igrexa Católica, que terá lugar na universidade Carlos III de Getafe a partir de hoxe e ata o 22, a Conferencia Episcopal publicou unha nota de información sobre esta corrente. Tal nota fainos recorda-las amonestacións e as condenas da mesma Inquisición de tan triste memoria. A nota advirte que a «corrente Somos Igrexa, a pesar do nome que adoptou, non é un grupo eclesial e non conta con ningunha aprobación nin recoñecemento canónico». A verdade é que esta corrente non pretende máis que ser un altofalante, para oír mellor as chamadas do Divino Espírito no concilio Vaticano II. E, por tanto, non necesita ningunha aprobación. De seguido din que Somos Igrexa propón afirmacións e reivindicacións que se apartan abertamente das ensinanzas da Igrexa Católica. E chegan xa ó cume da súa prepotencia e dogmatismo integrista ó afirmar que esta corrente impide a auténtica renovación eclesial pedida polo Vaticano II. E atrévense a dicir esto os que, lonxe desa necesaria renovación, desexan voltar ó concilio de Trento. Quero aclararlle a monseñor Rouco, presidente da Conferencia, que hai famosos bispos e ata cardenais que están co espírito de Somos Igrexa, coma o palpable cardeal Carlo Martini, que no último Sínodo, diante do Papa, fixo a petición dun concilio Vaticano III. E tamén que os papas Paulo VI e Xoán Paulo II, en dúas encíclicas, dixeron que as comunidades cristiás de base deben ser a vangarda da Igrexa, e precisamente estas comunidades son a forza principal de Somos Igrexa.