«Dentro dun cacho»

OPINIÓN

17 sep 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

CONTOUME hai pouco unha boa amiga unha anécdota relacionada coa situación lingüística que vivimos. Disque unha veciña súa repetía sempre a mesma frase cando ía visitala: «¿No está tu madre? Bueno, entonces vuelvo dentro de un cacho ». Para calquera falante de castelán que descoñeza o galego esta frase soaralle estraña, pois cacho é, segundo o DRAE01, un 'pedazo o trozo de algo'. Esta acepción, que tamén comparte o galego (Comín un cacho de pan), non resolve o misterio da frase. Na lingua galega, ademais de 'anaco', cacho significa 'lapso de tempo', 'momento' (Dentro dun cacho empeza a película na tele). Isto explica que no castelán de Galicia se produza a inteferencia semántica. O cacho castelán amplía o seu significado converténdose no cacho galego, que posúe un abano máis extenso de acepcións. Os diccionarios recollen tamén expresións admirativas nas que a palabra cacho serve para aumentar as cualidades positivas ou a grandeza de algo (¡Cacho nariz que ten!). O significado temporal segue vixente na frase de alí a un cacho que equivale a 'de alí a un pouco' (De alí a un cacho chegaron os seus pais e rematou a festa). Así mesmo, é correcto en galego utilizar con sentido temporal a palabra anaco (Agarda un anaco, volvo axiña) posto que como cacho , anaco é ademais da 'parte pequena de algo', un 'período breve de tempo'. Analogamente ocorre con pedazo (Volvo dentro dun pedazo) , forma tamén sinónima de anaco e cacho (Dáme un pedazo de pastel) . falar.ben@lavoz.es