Lula solta tinta popular

|MARÍA XOSÉ QUEIZÁN

OPINIÓN

05 sep 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

EN BRASIL coincide a crise coas eleccións. Catro candidatos dispútanse a presidencia: un conservador, Serra, un populista, Ciro Gomes e outros dous de liña socialista, Lula e Garotinho, que, tendo menos oportunidades de gañar, xa anunciou que de non saír na primeira volta, apoiará a Lula. Serra é o candidato gubernamental, seguidor da política de Fernando Henrique que, desde o ano 1994, goberna para a elite económica brasileira. Esta política, eloxiada por Bush a través do seu secretario do Tesouro que visitou o Brasil o mes pasado, mima unha clase dominante sórdida e avara, 90.000 persoas supermillonarias, mentres condena a 50 millóns de habitantes á máis extrema pobreza. Con esta situación quere acabar Luiz Inácio Lula da Silva, do PT. Lula (lura, dicimos en galego, calamar en castelán), metalúrxico reconvertido en socialdemócrata, sensato e dialogante, apoiado pola Igrexa, é o máis favorecido nas enquisas. Opina que a crise actual é o resultado de políticas económicas neoliberais, que inclúen a venda do patrimonio nacional, o endebedamento externo, a subordinación a organismos internacionais, etcétera, ou sexa, o que xa sabemos e padecemos, en maior ou menor medida, noutros moitos países. Necesitan, di, un novo contrato social e un maior crecemento económico. Quero un Brasil decente é o seu slogan, que significa mellores salarios, máis seguridade, saúde, escolas, oportunidades para a xente nova... As mesmas propostas serviríannos a nós. Pero, coma sempre, hai diferencias graduais importantes. Por exemplo, os salarios. Un dos aspectos que chaman a atención é a cantidade de empregados que teñen no comercio. Nada máis entrar, rodean á clientela coa amabilidade propia do país. A razón é, claro está, os baixísimos salarios que pagan. Tamén a corrupción ten distinto calibre e diferentes riscos. Aquí, as normas legais téñennos dado algunhas alegrías nos últimos tempos. Falando deste tema cun taxista houben ter un accidente. Conteille o sucedido con Mario Conde, a quen o Tribunal Supremo lle duplicara a pena imposta anteriormente, e soltou o volante e púxose a bater palmas como tolo. Iso alí, de momento, é imposible. O propio secretario do Tesouro ianqui indignou aos dirixentes ao declarar que «dar diñeiro a estes países (latinoamericanos) é correr o risco de que os recursos sexan desviados a Suíza» e engadiu que «non ía gastar os cartos dos carpinteiros e pedreiros americanos para axudar a países así». Para Lula xa é a cuarta ou quinta intentona. Vai de primeiro nas enquisas pero iso xa sucedeu en eleccións anteriores. Ten que loitar contra candidatos con maiores recursos económicos. Cadroume ver un mitin de deputadas do PT en Manaus ou en Cachoeira, encaramadas en camionetas e substituindo a pobreza de medios cos movementos de cadeira das seguidoras a ritmo de consignas marchosas. Pero, seguramente, o peor atranco do Lula é non ser doutor nin ter título universitario. Este preconcepto abonda para decatarse da importancia que se lle dá á cultura no Brasil. Con calquera que se fale, así coma nas páxinas dos xornais, sacan a relocir a carencia de formación académica do candidato e a dificuldade que iso entraña para gobernar o país e representalo dignamente no estranxeiro. Lula ten que pasar boa parte da súa campaña respondendo a esta crítica. «Dicir que se precisa ser profesor-doutor para ser presidente da República é unha tontería; o Brasil necesita un doutor en pobo brasileiro», afirma, e engade, «se o diploma para presidente dese resultado, o Brasil non tería ningún problema». De forma que, ao mesmo tempo que se defende, ataca ós doutores que nada fixeron pola poboación. E non crean que este prexuízo é das clases acomodadas. Non. Xa teño lido que a carencia de título universitario pode ser unha gran dificultade para o voto popular. O que si puiden apreciar é que a poboación feminina e, mais que nada, as mulleres negras, son adictas a Lula. El preocupouse de introducir candidatas nas súas listas e, tanto en Bahía coma en Río, as candidatas son negras. Esperemos que a tinta popular deste Lula consiga os seus obxectivos.