NO 84 sufrín un accidente de tráfico que me deixou fóra da circulación durante dous anos. Daquela foi que empecei a escribir O enxoval da noiva , a miña segunda novela, unha historia do Renacemento, entre a trasgresión e o disparate, que me permitíu viaxar no tempo, recrear outros mundos, soñar outras realidades... Suso de Toro viña de cando en vez a visitarme ó hospital e traíame exemplares de El Víbora . Por el coñecín os traballos de Ventura Pons, por exemplo, e outros. En cada visita aparecía cun exemplar novo. Afeccioneime. «Este é outro mundo», dicíame o amigo. «Hai outras maneiras de narrar...».Miguelanxo Prado recordoumo o outro día na quinta edición das Viñetas desde o Atlántico, na Coruña, ese excelente encontro anual coa historieta (a banda deseñada) que el dirixe, co mecenazgo entusiasta do Concello da cidade. «O cómic é outra cousa. Nada que ver co libro, nin coa literatura. O erro é querer comparalos. Isto é outra cousa», repetíume. O meu fillo maior é un admirador de Moebius, Jodorowsky e Arno, François Bourgeon, Cadelo... Tamén de Miguelanxo Prado, moi especialmente dos seus Fragmentos da Enciclopedia Délfica (1985). O máis pequeno, que ten doce anos, está entre Superlópez, Calvin and Hobbes e o Golfiño. Curiosamente, nos dous, sobre todo no primeiro, o interese pola banda deseñada non interfere para nada o placer polos libros. «Isto é outra cousa». Durante tres ou catro horas viaxamos xuntos pola feira coruñesa, entre casetas de cómic e as exposicións do Quiosco Alfonso, Durán Loriga e a praza de María Pita. Gústame o estilo de Hugo Pratt, e o mundo de Guido Crepax, o arquitecto italiano. Atopei un vello exemplar das historias aquelas de Xaquín Marín e Reimundo Patiño, do 72, tan difíciles de encontrar agora. Eles foron os pioneiros entre nós. Na caseta dos ourensáns merco as últimas produccións nosas: David Rubín, Lois Bernal, María Alcañiz, Porto Hermida, a Leña verde dos de Boiro: Manuel Silva, Brais Rodríguez; as produccións de Fun Cómic ... A Coruña convértese estes días na capital da historieta debuxada. Unha experiencia magnífica. Invito ó lector a non desaproveitala. Hai unha xeración nova de creadores e creadoras galegos que traballan nesta dirección. ¿Quen dixo que non estamos vivos? A nova etapa de Golfiño nas páxinas de La Voz abre novos horizontes. Volvín a casa cun volume de exemplares vellos do TBO . Intentei explicarlle ós meus fillos o que era aquelo para nós: a familia Ulises (que empezaba a descubrir as posibilidades do 600), o explorador africano de Benejam e o seu axudante negro Babalí, Melitón Pérez, as historietas de Coll, Josechu el vasco , e botei a noite relendo os inventos marabillosos de Ramón Sabatés; o profesor Franz de Copenhague... Mágoa que non puidese asistir á homenaxe que se lle preparaba nas instalacións da feira ó vello Sabatés, internado nun xeriátrico de Cataluña, sen un pataco. Ó final, ¿por qué será?, sempre chegamos tarde.