CIDADES HABITABLES

FRAN ALONSO

OPINIÓN

23 jul 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

Co tema das peonalizacións das cidades, asómbrame ver como un problema que é social (de socioloxía urbana, basicamente, é dicir, de como pensamos e ideamos novamente as cidades) se converte nun problema político. Porque, por enriba de intereses de calquera tipo, as peonalizacións son unha máis das medidas de humanización das cidades. Pero son, sen dúbida, unha das máis importantes. Cando menos, para a reconversión dos espacios a favor de quen os habitan. Especialmente, porque padecemos cidades cada vez máis ruidosas, contaminadas, agresivas, con menos lugares para o goce e o ocio, agobiantes; cidades nas que a tradición especulativa nos acostumou a aceptar todo tipo de barbaridades. Durante o verán, o problema evidénciase moito máis, pois o bo tempo conleva por parte dos cidadáns unha maior esixencia de espacios urbanos ao aire libre para usos lúdicos; medra a demanda de terrazas, paseos, xardíns, parques para os cativos, etc. E para termos cidades humanas, precisamos habilitar espacios, respectando o entorno e partindo da premisa de que os intereses do conxunto das e dos cidadáns sempre están por riba de calquera tipo de especulación. Evidentemente, as peonalizacións implican esa concepción (a única posible, xa) de que as cidades deben deseñarse para o servicio e uso dos seus habitantes, facéndoas vivas e dinámicas, integradoras. O feito de que haxa representantes dos comerciantes (con nula visión comercial, por certo) que se neguen ás peonalizacións antepoñendo os seus supostos intereses por enriba dos do conxunto da cidadanía, ou que haxa partidos políticos, como en Pontevedra, que traten de impedir os avances da humanización das cidades para facer política partidaria, resulta gravísimo. E non só resulta grave senón que eses impedimentos actúan, incluso, en contra de quen o provoca. Os tímidos avances da peonalización en Vigo (a esplendidamente renovada Praza da Independencia e as fases en execución do barrio do Calvario) e os seus ampliables logros na zona histórica de Pontevedra son un bo exemplo da rexeneración dos espacios urbanos a favor de todos. E só por ese camiño é posible o futuro. ¿Ou é que alguén sería partidario de permitir o tráfico polo casco vello de Compostela?