En Santa Comba, vila moi modesta da provincia da Coruña, ten a súa sede oficial e a súa imprenta tresCtres , unha editorial merecente de gabanzas e que debería ser moito máis coñecida e recoñecida. Dirixen as distintas coleccións literarias desta editorial dous profesores novos do instituto da vila: Antonio Puentes Chao e Amancio Liñares Giraut. Ámbolos dous, profesores de Lingua e Literatura galegas, son autores de dous manuais moi didácticos que publicou a editorial de Santa Comba hai pouco: un sobre Eladio Rodríguez González (2001) e o outro sobre o Padre Sarmiento (2002). Hai días, tresCtres ofreceunos un libro que, quizais, moi poucos agardaban. Trátase dun extenso traballo doutro profesor novo, Alexandre Rodríguez Guerra, titulado Miguel de Unamuno e a lingua galega , título que, en principio, sorprenderá a moitos, e sorprenderá porque son poucos, moi poucos, os que teñen unha certa noticia das incursións de don Miguel no eido da Lingüística galega. No libro de Rodríguez Guerra examínanse estas incursións, todas elas, sen excluí-las polémicas, tan frecuentes naquel axitador do pensamento a quen un crítico denominou «excitador Hispaniae». Foi, en tódolos eidos do pensar, en efecto, un incitador (cando non un encirrador ). De Unamuno, hoxe non moi lido, sábese que foi moi importante como poeta, ensaísta, autor de libros de viaxes, narrador e dramaturgo, pero son poucos os que coñecen outras páxinas súas, especialmente as filolóxicas. Téñese en conta que Unamuno foi filólogo de profesión, concretamente catedrático de Grego na Universidade de Salamanca. Aínda que nunca foi un helenista de primeira liña, as súas clases, diante dun texto grego, eran, en opinión dos seus alumnos, unha festa intelectual pola súa orixinalidade (inconfundible), polo que sabía de Literatura e por un certo dominio de determinadas cuestións de Filoloxía xeral. Nunca foi un filólogo aséptico e menos nos primeiros anos do seu profesorado salmantino, aqueles en que o intelixente lector de Homero era tamén un lector apaixonado de Carlos Marx. Téñase en conta que Unamuno nestas datas (1894 a 1896) militaba no PSOE e colaboraba no semanario bilbaíno La lucha de clases . Daquela e despois, Miguel de Unamuno foi unha especie de filólogo civil, un filólogo que aplica os seus saberes lingüísticos para facer propostas glotopolíticas. Nas Cortes de 1931, as Constituíntes da II República. Castelao e Otero Pedrayo oíron, non sen mágoa, os alegatos de don Miguel en favor do castelán, uns alegatos nos que negaba ó galego, por exemplo, o pan e case o sal. Naquela ocasión impresionou a tirios e troianos recitando versos nas catro linguas de España. É o Unamuno que coñece ben a poesía de Rosalía de Castro, menos ben a de Curros Enríquez e que, en varias ocasións, fai rexouba, non sen acerto, do galego diferencialista das Irmandades da Fala. Estas e moitas outras cuestións son examinadas con lupa e rigor por Alexandre Rodríguez Guerra, autor, en 1999, dunha tese cum laude titulada Miguel de Unamuno, Galicia e os galegos .