NOVA RUTA DE SEDA

OPINIÓN

06 jul 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

Rompen os días á beira do lago de Bled. Desde campanarios bicudos, as campás marcan o tempo. A beleza de azul, verde e pardo, de auga, fraga e rocha, tolearía ao visitante que non a puidese comparar cos esplendores andinos da Patagonia. A todo hai quen gañe no mundo, máis quen lles dera aos arxentinos explotaren as súas riquezas como a estes «irmáns de sangue, curmáns de fala e alleos na cultura dos outros eslavos». Desde hai quince anos reúnese en Bled o congreso mundial máis relevante sobre comercio electrónico. Gozando de espléndidos paseos, delicados almorzos e xantares e divertidas ceas, centos de profesores veñen perorar sobre os avances dunha materia que só os pobos atrasados comezaron a considerar hai pouco. Hongkong ten representantes, como Australia, Xapón, os Estados Unidos, Brasil, Sudáfrica... e todos os membros da Unión Europea. ¿Por qué? Porque xa en tempos de Tito se sabía da posición xeostratéxica única da Eslovenia, e do seu porto de Poper. Os eslovenos maldicen a Churchill, quen seica forzou que Trst (así escrito e pronunciado en esloveno o que para os latinos é Trieste) pasase a mans italianas. A falta dunha faixa ridiculamente estreita da costa adriática, a Eslovenia quédanlle menos de 50 quilómetros de vista ao mar. E, alí, un porto que -por vía de Suez- minimiza as navegacións ao Extremo Oriente. Así comezou todo: a falar da nova Ruta da seda , apoiada na telemática. A independencia eslovena favoreceu o desenvolvemento do congreso mundial. Unha política lingüística efectiva deu o impulso final á internacionalización: Morto o réxime socialista, acabouse a obriga de aprender ruso. Desde a escola, aos pequenos ensínanlles italiano, alemán e inglés. Así, todos turistas séntense na casa. E os científicos tamén. Pouco queda en Eslovenia do pasado. A penas, algún vello Yugo se atreve a competir cos Seat, Fiat, Skoda, Volkswagen, Rover, Citröen... Esta nación defensora das súas diferencias é dona do futuro. Porque, forte no propio, sabe abrirse a todo o alleo.