Moitos castelanfalantes que aprenden galego chaman a atención sobre o uso, para algúns indiscriminado e erróneo, do hache. Como en castelán, esta letra non se corresponde con ningún son, tendo un valor meramente formal e etimolóxico. En ocasións, aqueles que aprenderon primeiro castelán tenden a pensar que a forma correcta na escrita é a castelá, e a galega, no caso de diferenciarse daquela, a errónea. Deste xeito é fácil comprobar que cando por primeira vez os castelanfalantes atopan a forma galega inchar cren ver unha falta de ortografía, dado que en castelán se escribe con hache. Isto non é así en ningún caso. En xeral, o galego amosa unha maior fidelidade á forma latina da que provén. Así, inflare evolucionou de dúas formas: unha culta, inflar , e unha patrimonial, inchar . De aí que, como no orixinal latino, inchar e desinchar non teñan hache. Do latín harmonia coñece o galego harmonía e os seus derivados: filharmónico, harmónico, harmonizar... A lingua galega conserva a letra hache nesta forma igual que noutros idiomas: harmony (inglés), harmonie (francés), harmonia (catalán), etcétera. Os versos de once sílabas denomínanse en galego hendecasílabos , fronte ó castelán endecasílabos . Este é outro exemplo de proximidade do galego ó latín, lingua na que existía a forma hendeca ('once'). Así aparecen noutros idiomas con hache: hendecasyllabic (inglés), hendécasyllabe (francés), hendcasilab (catalán). O hache non soa, pero ás veces di moito.