O vello viaxeiro destilaba humor polas enrugas do rostro amable. Voara moito, levado pola profesión e as patrias, que tiña dúas. Contaba que, ao principio, os avións cruzaban o Atlántico entre os aeródromos máis próximos e, cando daban aterrado, paraban para que lles mudasen os motores enteiriños. Eran horas e horas de esperar. O ancián repetía que, cando chegase a morte, se lle preguntaran a derradeira vontade, pediría que lle devolvesen o tempo perdido nos aeroportos: gañaría anos de prórroga... Pero non sempre se perden as horas nos aeroportos. Neste, onde nacen as presentes notas, corre unha conversa interesante. Iníciase coa crítica a unha revista de historia que facía aparecer a Guglielmo Marconi como inventor do telégrafo , cando o italo-irlando-americano descubriu a transmisión de sinais telegráficos polo éter . Séguese coa historia do telégrafo, aparece Samuel Morse a patentar puntos e raias, e chégase á comparanza entre o primeiro método de telecomunicación eléctrica e esa Internet que as masas mal informadas agora xulgan como a invención que está a recompor o mundo. Non, señores, non. Para medirmos ben o impacto das técnicas ¿arguméntase¿ reparemos en que, antes de haber telegramas, as noticias e as mercadorías viaxaban á mesma velocidade: a do tren ou a do buque de vapor. Aceptemos que os cabos telegráficos baixo o Atlántico fixeron posible o poderío dos estados do Norte que sentaron as bases do Verdadeiro Imperio (conectado co británico polo fondo do mar, industria a industria). Vexamos como o mundo xuntou antípodas á velocidade da luz modulando ondas curtas con raias e puntos. Non neguemos homenaxes aos inventores do datagrama e da arañeira . Mais sexamos xustos: na Historia da Humanidade Morse e Marconi abriron un capítulo ao que Roberts, Khan, Cerf e Berners-Lee non van pór punto final.