DÚAS NACIÓNS, UN TERRITORIO

OPINIÓN

29 abr 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

A Declaración Balfour (1917) comprometeu o establecemento dun «fogar para os xudeus en Palestina». En 1937, ao proporse a partición de Palestina entre palestinos e xudeus, W.Churchill afirma coa lóxica do colonialista que o can (pobo palestino) non é o dono do pesebre (Palestina), xestionado como protectorado británico dende a guerra europea. E afirma literalmente que os palestinos son como os peles roxas e como eles deberán ser desprazados pola civilización. En 1947, a ONU aproba un plan de partición rexeitado polos árabes que da orixe á primeira das sete guerras na zona, catro convencionais e tres tan singulares e desiguais como a actual. Os xudeus, perseguidos periódicamente en Europa dende o Medievo, sofren un novo acoso na fin do XIX. Daquela, no tempo do nacionalismo etnicista, fundouse o seu movemento nacional coas ideas e mitos que lle correspondían pero sen territorio. O sionismo naceu entón fronte ao antisemitismo, cando muitos outros nacionalismos sen estado e defensivos e coa mesma lóxica. As condicións posteriores ao Holocausto, «a humanidade nunca será igual...», otorgaron pleno respaldo moral a unha solución colonial que só podía facerse efectiva co desprazamento dos donos lexítimos do territorio. Pero tras medio século todo mudou e ten razón Saramago virando reversible o holocausto. Catro factores ben recoñecibles veñen incidindo neste contencioso. A historia dos sucesivos conflictos bélicos. Dous proxectos nacionais enfrontados pero de diferente antigüidade, pois o palestino non se concreta ata os anos sesenta. O xogo dos poderes mundiais en sucesivas conxunturas, do imperialismo británico en orixe ao norteamericano na actualidade. O Holocausto, tan dificil de superar. E, por último, os intereses dos países árabes, dispostos dende o comezo a eliminar ou repartir Palestina. A situación deste días lembra a da Conferencia de Munich sobre Checoslovaquia en 1938. Powell no papel dun Chamberlein satisfeito de evitar males maiores, Palestina no lugar de Checoslovaquia e Arafat no sitio de Hacha. O outro personaxe póñano vostedes. O Sionismo é a ideoloxía racista e violenta que está na base do Estado de Israel. Hoxe semella a única saída que convivan ambos estados pero sobre novas bases establecidas pola comunidade internacional. Israel debe rematar coa limpeza étnica que tanto nos escandalizou en Xugoslavia, co apartheid que tanto ofendeu á humanidade en Sudáfrica, coa tortura do presidente Arafat que insulta á civilización. Haberá que recoñecer dunha vez que a vergonza europea non pode ser máis degradante neste asunto. Contra o que din os feitos a esperanza da paz non é imposible. Haina. Os palestinos a través da súa autoridade asumiron xa ao Estado de Israel. O problema está nese Estado, fundado precisamente na violencia terrorista e unido por medio da guerra dende que foi creado. Do lado israelí a solución é xeracional: que o sionismo sexa substituído polo crecente pacifismo; que a vella elite político-militar de Israel sexa substituida pola nova xeración que quere a paz. Eis o problema, resistirá Israel muito tempo en paz, superaría a súa profunda diversidade interna sen o mito unificador da unidade fronte aos árabes?