XOSÉ CARLOS CANEIRO
17 abr 2002 . Actualizado a las 07:00 h.Un viejo país ineficiente: qué magnífica definición de Gil de Biedma. Serve para Europa, ou Occidente, ou o mundo economicamente saneado: ineficiente. As resolucións da ONU aplícanse a estes e óbvianse con outros, depende. A ofensiva de Israel non posúe referencia nos diccionarios: cando Saramago compara a Sharon con Hitler non utiliza a hipérbole, simplemente o símil. A paz, para Sharon, resulta inexplicablemente metafórica, unha cruel ironía: ¿non lembra Occidente a «paz de Galilea» que levou a cabo no Líbano? A semántica perde sentido en tempos de guerra. Os palestinos: terroristas. Os verdugos de Sharon: soldados. Un viejo país ineficiente. Consentir é un modo de complicidade. Brecht: o que non entende é necio, o que entende e non actúa é un criminal. Pregúntome hora tras hora por qué. Levo días, meses, para arrancar esta columna pegada á miña carne, a pedazos. Dóeme Palestina, que non existe. Igual que a Flaubert lle doía o óbito de Madame Bovary, que só existiu na súa imaxinación. Non soporto a tristeza de tanto morto por culpa da raza. Renego da raza, das fronteiras: ningunha vale unha vida. Occidente fracasa. Un viejo país ineficiente. Europa, esa palabra.