MESTRES REPUBLICANOS

La Voz

OPINIÓN

XESÚS ALONSO MONTERO

10 abr 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

Dentro de tres días serán moitos os que se refiran ó 14 de abril de 1931, data auroral da II República española, que en Galicia só durou cinco anos. Cónstame que nalgunhas vilas e cidades do país a data non só vai ser recordada polos historiadores (é o seu oficio) senón tamén celebrada polos devotos do ideal republicano. Para uns e para outros, este cronista quixera remitilos a dúas persoas que exerceron o maxisterio desde as premisas éticas da Republica, ou sexa, desde os postulados educativos que estaban ó servicio da res publica , sempre lonxe da cousa privada e dos privilexios de grupo ou de clase. Acaba de publicarse un libriño co título Arximiro Rico, luz dos humildes , e co subtítulo Vida e morte dun mestre republicano (Gesto Dentro Editora). O autor principal, Narciso de Gabriel, hai tempo que figura entre os grandes estudiosos do feito educativo en Galicia. Arximiro Rico Trabada (1905¿1937) exerceu como mestre en diversas escolas da provincia de Lugo, e fíxoo sempre co humus liberal que caracterizou a vida e a obra de tantos e tantos profesores que viñan do espírito da Institución Libre de Enseñanza. Home de Izquierda Republicana, nunca foi ¿como diría a dereita cavernícola¿ un cidadán extremista . Pero esa dereita non lle perdoou a este mestre de escola que fose un profesor que abría os ollos á xente, fosen ou non alumnos. Como tantos mestres, foi paseado . Ous autores desta biografía non mencionan o nome dos torturadores e executores de Arximiro Rico, ou porque son historiadores pudorosos ou porque os informadores non os revelaron. Pero na comarca, a de Montecubeiro, sábese, como tamén hai noticia precisa das circunstancias arrepiantes da morte. Un dos informantes, aínda hoxe estarrecido, relata: «Primeiro sacáronlle os ollos e despois... non se pode contar sequera» (p. 41). Nesta altura, Narciso de Gabriel, daquela comarca, confesa que o relato «aproxímase moito ao que eu tiña escoitado de neno». Dous anos despois, a Comisión Depuradora do Maxisterio, allea á defunción do funcionario docente Arximiro Rico, despois de resalta-la súa «buena conducta pedagógica y moral» e o seu «entusiasmo por la enseñanza», suspéndeo de emprego e soldo por un ano. A sentencia ¿unha carantoña sarcástica¿ chegaba tarde. Hoxe, 11 de abril, preséntase en Lugo un magnífico estudio sobre o artista e escritor lugués Ánxel Johán (1901¿1965), que fora funcionario de Telégrafos nas Palmas de Gran Canaria. Alí foi suspendido de emprego e soldo para sempre e de liberdade durante anos. Xa de novo en Lugo, foi profesor de Debuxo (e de humanismo) no Colegio Fingoy. O libro que hoxe se presenta en Lugo, de Nuria López Presedo, fáille xustiza á vida daquel home de ben e á súa obra de escritor e de artista plástico.