MIGUEL ANXO FERNÁN-VELLO
10 mar 2002 . Actualizado a las 06:00 h.A morte inesperada do escritor quebrou subitamente a transparencia dun día de marzo que permitía intuír na súa luz a chegada próxima dunha nova primavera. E a República das Letras, a Patria Lingua de Uxío Novoneyra, sufriu ese golpe como un pozo que de repente se abre na realidade e nos anega coa súa sombra. Carlos Casares déixanos atados á xélida sorpresa de saber da súa morte e é difícil asumir en tan pouco tempo a dureza de algo que fatalmente é certo. Ao fío desta triste nova que tinxe de dor e de loito a cultura galega, un primeiro pensamento nos ocupa: o escritor ourensán, coa súa infancia enraizada en Xinzo de Limia, constitúe todo un paradigma de creador literario fiel á lingua propia de Galiza. Sendo Casares escritor aberto ao mundo, experimentador e vangardista, universal no seu ser e no seu estar, clásico en vida, soubo, como os mellores mestres, beber da fonte nutricia do idioma galego. Porque toda a obra literaria de Casares está escrita no idioma do país, está instalada plenamente na universalidade do noso idioma. Foi o Presidente do Consello da Cultura Galega un escritor monolingüe, un home fiel á súa raíz e á súa palabra. Se, como quería Cortázar, a literatura é a actitude e consecuencias que resultan da intencionada utilización estética da linguaxe, o autor de Xoguetes pra un tempo prohibido fixo gala non só desa esixencia artística, por outra banda inevitábel nunha obra literaria de calidade, senón tamén dunha clara esixencia ética. Carlos Casares, neste sentido, é un exemplo pleno de modernidade: compromiso co mellor da nosa tradición literaria e compromiso cunha idea universalizadora do galego. Xunto ao Casares narrador afábel, seductor oral, sabio novelista, editor de prestixio, activo creador e dirixente cultural, está o home que cumpriu un fermoso designio: a fidelidade ao idioma da súa terra e do seu pobo. Descanse en paz.