UNHA HISTORIA NA RÚA

La Voz

OPINIÓN

CARLOS CASARES

16 feb 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

O outro día estiven unhas horas en Madrid e presenciei un espectáculo na rúa digno de ser mencionado. Camiñaba desde a Praza de España en dirección do Café de Oriente, onde quedara para almorzar cuns amigos. Aínda había pouca xente porque era cedo. Nisto que vexo a un rapaz correndo como alma en pena, seguido por un policía dos que fan garda na porta do Senado. O mozo, forte e delgado, alancaba como unha lebre, mentres que o seu perseguidor, gordecho e pequeno, con pinta de pouco ximnasio e moitas horas botando a partida cos amigos polas tardes, andaba a velocidade de boi ou de elefante. Nun momento, case á miña altura, o axente da autoridade, resollando como unha vella locomotora, desistiu. Cando se endereitou, despois de permanecer inclinado uns segundos para tomar alento, decatouse de que o fuxido, a uns cen metros de distancia, se volvera, quizais para descansar, tal vez para observar a situación. Estiveron mirándose como nunha película do oeste, ata que o policía fixo un aceno coa man e berrou: «¡Ven aquí!». Aínda non me dera tempo a pensar que se trataba do xesto dun iluso, cando vin ó rapazote obedecendo e andando de volta como unha ovella. Entón decidín quedar alí de novelero, como din os colombianos dos curiosos, para ver cómo remataba aquela historia. Rematou cun diálogo que empezou o policía: «¿Por qué te echaste a correr?». O mozo, branco como a morte, respondeulle nun castelán de estranxeiro: «Es que tengo miedo». O outro retrucoulle: «Pues yo no tengo cara de ogro». Como non era difícil de imaxinar, o rapaz dixo: «Yo no entiendo ogo». O seguinte paso consistiu en pedirlle a documentación. Nese momento marchei.