CARLOS CASARES
09 feb 2002 . Actualizado a las 06:00 h.Unha cousa que costa moito entender é por qué Pierre Toussaint aínda non fixo ningún milagre. Este home foi un escravo negro procedente de Haití que viviu en Nova York no século XIX, ó servicio duns grandes señores. Era tan bondadoso que pronto gañou o corazón dos seus amos, que lle concederon a liberdade. En vez de marchar, Pierre quedou a vivir con eles e converteuse no gran peluqueiro do seu tempo, cunha clientela composta fundamentalmente por xente famosa. De seguida criou sona de santo, mercou co seu diñeiro a liberdade de outros escravos e fixo cuantiosas doazóns en metálico á Igrexa Católica americana. Alguén se acordou del hai uns dez anos, non só polas súas virtudes, que parece que ninguén nega, senón tamén pola oportunidade de ter un santo americano que fose negro, escravo e pai de familia. Con ese motivo, contrataron a un grupo de arqueólogos para que escavasen no que foi o antigo adro da catedral de San Patricio, onde no seu día enterraron a Pierre Toussaint. Sabíase que era coxo e coñecíanse algúns outros datos relevantes. Ó cabo dalgún tempo, o arcebispo de Nova York recibiu o resultado do encargo que fixera: os ósos dun home que padecera artrite en vida e as características do cal coincidían mais ou menos co mencionado peluqueiro. Agora, eses restos descansan na cripta da catedral de San Patricio, debaixo do altar. Todo o mundo agarda que fagan un milagre que non chega, cousa que non se entende ben. Onte lin unha reportaxe que podería explicar o feito. Parece que en Nova York hai moita piratería entre os arqueólogos, dispostos a atopar o que lle encarguen, sexa o que sexa. A ver se os ósos non eran os do santo. Xente con artrite hai moita.