CARLOS CASARES
02 feb 2002 . Actualizado a las 06:00 h.Pasei o día de onte, que estivo gris e venteado, lendo un libro delicioso. Trátase dunha escolma de frases ditas por nenos suecos de idades comprendidas entre catro a dez anos. O resultado está entre a poesía e o disparate. Por exemplo, falando de outros tempos, un tal Christian, de seis anos, dixo: «Antigamente a xente dividíase en dúas razas, os finos e os non finos. Os finos eran ricos e tiñan dereito a champú, mentres que os outros se tiñan que contentar con pulgas e piollos». Outro rapaciño, Martín, da mesma idade, dixo: «Antigamente a auga estaba tan limpa que se podía un bañar nela e bebela despois». Respecto de Deus, a frase que máis me gustou foi de Nicole, unha nena de cinco anos: «Deus é o dono do sol. Apágao de noite para aforrar electricidade». Tampouco está mal o que dixo Stig, de oito: «Deus, Xesús e o Espírito Santo son en realidade a mesma persoa. Non resulta fácil entendelo. Nin sequera o entenden eles». Unha cativa chamada Sofie non tivo boa experiencia coa comuñón: «Unha vez comín un apóstolo, pero non sabía ben». A perla do libro é de Ellen, de seis anos: «De repente, érguese un pola mañá e decátase de que ten o pelo gris. Salta da cama, mírase no espello, pero non lle sirve de nada berrar e pedir auxilio». Para Linn, da mesma idade, a vellez non lle parece dramática: «Non é tan difícil ser vello. Abonda con deixarse levar pola corrente». Claro que se un chega a ser moi vello, as consecuencias son duras, segundo Frederik, de catro anos: «Os vellos moi vellos, en realidade foron monos cando eran pequenos». Aínda así, Tove, tamén de catro, pensa: «Moitos nenos cren que os vellos son noxentos. Non é certo. Noxentos son os lagartos».