CARLOS CASARES
26 ene 2002 . Actualizado a las 06:00 h.O venres pola tarde asistín en Santiago ó acto de ingreso de Luis Asorey na Real Academia Galega de Ciencias. No seu discurso, o novo académico contou a impresión que lle produciu, cando era estudiante de Medicina en Santiago, alá polos anos corenta, a lectura de tres volumes de Estudios Biológicos que aparecían firmados nada menos que por un arcebispo, Zacarías Martínez Núñez, que fora titular da diócese compostelá ata 1933, ano da súa morte. Eu xa lle oíra falar ó doutor Asorey do prelado biólogo, pero foi o venres cando entendín de verdade a dimensión intelectual que debeu alcanzar aquel eclesiástico. De entrada, resulta raro un bispo que se dedica á bioloxía e que ademais publica unha obra con prólogo de Santiago Ramón y Cajal, quen confesa que o autor daqueles tres volumes foi un dos seus mellores discípulos. Máis raro aínda que o señor arcebispo fale de Darwin con respecto, aínda que de maneira crítica, non tanto por razóns de tipo relixioso como por discrepancias no plano científico. Para min resultou moi interesante. Sen embargo, non era do discurso do doutor Asorey do que quería falar, pois son profano na materia, senón de algo que non se dixo no acto de ingreso e que eu considero importante a título persoal. O novo académico é da miña vila de Xinzo de Limia, onde naceu hai case oitenta anos e aínda que viviu alí a penas durante a primeira década da súa vida, sempre se confesou limiao de emoción e devoción. Digo esto porque estou seguro de que os meus paisanos non saben que este ilustre médico, agora académico, cun brillante curriculum, veu ó mundo nunha casa da Praza Maior, onde aínda viven persoas da súa familia. Parabéns, amigo Luis.