CARLOS CASARES
24 ene 2002 . Actualizado a las 06:00 h.Hai un par de días contei aquí cómo un xogador de fútbol da miña vila foi expulsado do campo por un árbitro que fixo constar na acta, como causa, uns pretendidos «malos pensamentos». Foi a única maneira que atopou aquel señor para sancionar a un futbolista que lle mandaba miradas asasinas. Hoxe en día, unha xustificación dese tipo resultaría difícil de entender, pois xa non existen os malos pensamentos, o cal debe ser un alivio para os rapaces novos. Na miña mocidade, en cambio, era un dos pecados máis combatidos desde os púlpitos e os confesionarios, tanto que os confesores o tiñan como pregunta rutinaria. Os malos pensamentos facían referencia á pureza, outra palabra tamén desaparecida. Desde hai uns anos chámanse fantasías sexuais, concepto que procede da psicoloxía ou da psiquiatría. Nese paso, da moral á medicina, ese par de palabras perderon toda connotación relixiosa para converterse na descrición dun xogo erótico saudable. Aínda hai pouco que lle escoitei dicir a unha rapaza na televisión que ela tiña fantasías dese tipo. Eu fun moi amigo dun compañeiro de escola que lle tiña tanto medo ó inferno, se morría de repente en pecado mortal, que confesaba tres veces ó día. Era o que daquela se chamaba un escrupuloso. Aínda que non quería ter malos pensamentos, que combatía pegándose puñadas na cabeza ou cantando en voz alta se estaba só, non conseguía evitalos. Un día fomos a confesar xuntos e eu escoitei, sen querer, un dos pecados que lle dixo ó crego. Polo visto, mirara unha foto mala nunha revista. Eu daquela non o sabía, pero agora sei que esas fotos non existían en España. O peor é que o rapaz puido ir ó inferno por unha bobada.