CARLOS CASARES
23 ene 2002 . Actualizado a las 06:00 h.Onte estiven falando cun científico que sabe moitas cousas de xenética. Debe ser un sabio porque é un home sinxelo, humilde e discreto. Non todos os científicos son sabios, pois esta última é unha categoría á parte, que só conseguen alcanzar algunhas poucas persoas. Eu recordo unha viaxe en avión, desde Madrid a Xenebra, que me tocou de compañeiro de asento un ilustre home de ciencia, con quen fun falando todo o tempo. Chamoume a atención que fose tan simple e que dixese cousas como que as mulleres nunca serían boas matemáticas ou que os negros tiñan mellores aptitudes para o deporte que para o estudio. O profesor de xenética con que falei onte contoume algo que me interesou moito. Os vascos, polo visto, polo menos algúns sectores da poboación máis asolados durante séculos, parece que teñen trazos xenéticos comúns con determinados pobos do norte de África. Se a esto engadimos o feito de que algúns lingüistas pensan que o euskera comparte algún tipo de relación coas linguas bereberes, as conclusións resultan bastante atractivas. Digo atractivas no plano cultural, non no político, un xardín no que non pretendo entrar nesta ocasión. Que todos estamos mesturados é un feito evidente, cada vez máis claro e imparable, agora que a xente se despraza polo mundo como se este fose unha parroquia pequena. Só na miña familia, por exemplo, hai sangues tan diversos como os que poden corresponder a un pai de tipo semita ou ismaelita (o meu segundo apelido apunta nesta segunda dirección) e unha nai nórdica, con raíces suecas e danesas. Non me sorprende, polo tanto, que algún dos meus fillos diga que non entende nada cando lle falan de identidade. Eu tampouco.