VÍCTOR F. FREIXANES
27 dic 2001 . Actualizado a las 06:00 h.A don Sebastián, o rei dos portugueses, tampouco nunca o atoparon. Quedou na de Alcazarquivir (1578), na outra beira do mar, e durante séculos o pobo soñou coa súa volta, mesmo coa súa resurrección, fóra de toda lóxica, porque a pobreza, o sufrimento e a ignorancia, a escravitude e a desesperación producen este tipo de milagres. A xente cría na volta de don Sebastián como na volta dun Mesías Xusticieiro, o rei máis desexado, que había de poñer as cousas no seu sitio, e algúns botáronse ó monte (tamén no Brasil, no sertao), e organizaron partidas, e deron a vida, e moveron exércitos para a revolución, que nunca se producía, porque don Sebastián era fume, un soño, e os soños ó final sempre desaparecen, mesmo que os rocemos coa punta dos dedos, pero acaban deixando unha ringleira de mortos. A morte de Bin Laden, sen que apareza o seu cadáver e sen que sexa pública e notoria a súa aparición, é o peor que lle pode suceder ós Estados Unidos, incluso a Occidente, nesta guerra feroz na que, queirámolo que non, estamos metidos. Ben mirado, atopámonos diante dun conflicto mítico, ideal para a construcción do mito, quero dicir. A nación máis poderosa da terra decláralle a guerra a un home (que nunca vimos) e non a dá gañado, polo menos ata o de agora, malia arrasar unha nación enteira (chea tamén de inocentes) e anunciar outras catástrofes na área do conflicto. A situación en Oriente Medio, entre palestinos e israelíes, nunca foi tan dramática como nas últimas semanas. Pakistán e maila India, dúas potencias nucleares, cómpre non esquecelo, ameázanse mutuamente con misiles sen que ninguén acerte a calcular as consecuencias. A ONU segue dormida, ou silenciada. En calquera caso, inoperante. Non é mala ocasión para lembrar hoxe ós inocentes. Tamén o rei Artur dos bretóns desapareceu un día, sen que ninguén recuperase nunca o seu cadáver. A lenda agarda aínda o seu regreso. E o derradeiro Inca, que os españois nunca lograron vencer totalmente, resucitado despois por aquel Tupac-Amaru, pesadelo do vicerreis, que deu nome a todo un movemento revolucionario: os tupamaros, activo practicamente ata os nosos días. Son os mitos da desesperación. Parecía que a Historia se tiña parado no tempo e xa ven: o século (e o milenio) non pode empezar con maior loucura. Contra finais do XIX aínda o sebastianismo estaba vivo nas capas campesiñas e populares da poboación portuguesa. Axitadores profesionais, profetas de ocasión, oportunistas, logreiros, activistas de todo tipo moveron cando quixeron as pezas escuras da memoria dormida e chegaron desestabilizar ás veces gobernos enteiros. Os xudeos, en termos moi parecidos, alimentan dende hai case que tres mil anos o mito do Mesías. A tecnoloxía ten dado pasos de xigante. A ciencia anuncia conquistas que ata hai pouco parecían imposibles. O pensamento racionalista (que é un producto de Occidente) construíu un modelo de sociedade que manda no mundo, pero que nin a todos sirve nin a todos convence, e tampouco logrou, en parte polo seu insaciable egoismo, aquel paraíso de xustiza e fraternidade que nos prometía. No medio, hoxe igual que hai mil anos, están os inocentes, as víctimas, que nin na televisión aparecen.