CARLOS CASARES
27 dic 2001 . Actualizado a las 06:00 h.Onte falei das empresas británicas que fabricaban cordas para aforcar e construían patíbulos de madeira resistentes ás termitas. A industria de matar legalmente aínda existe na actualidade, de maneira que se podería elaborar un catálogo de fábricas que, estendidas polo mundo adiante, fan sillas eléctricas, forcas, complexos químicos destinados a administrar a inxección letal, cámaras de gas. A estas industrias específicas, habería que engadir as indirectas, como son as que fabrican obxectos que teñen outros usos non relacionados directamente coa pena de morte: pistolas, fusiles, coitelos, espadas, machadas. Nisto progresouse bastante. En xeral, nos países onde se mata por sentencia xudicial, téndese a facer cada vez máis fácil o trance. É certo que quedan lugares onde se enterra ás mulleres adúlteras, deixándolles a cabeza fóra, e logo tíranlle pedras ata matalas. Sen embargo, incluso nas nacións que aplican este método, vanse dando pasos cada vez máis humanos. Na Arabia Saudita, por exemplo, bótanlle un camión de pedra por riba. Hai pouco aínda, un preso que se atopaba nunha prisión americana esperando ser executado, conseguiu tomar algún producto tóxico uns días antes, de xeito que estivo a punto de morrer. Cunha eficacia admirable, os servicios médicos do cárcere levárono á enfermería, fixéronlle un lavado de estómago e salváronlle a vida. Como consecuencia do accidente, houbo que aprazar a execución, pois o preso estaba tan débil que á penas podía chegar polo seu pé á sala correspondente. Vaise adiantando pouco. ¡A cantidade de xente que no pasado debeu ser executada con febre, con gripe, con dolor de cabeza! O mundo é cada vez máis humano.