XOSÉ CHAO REGO
21 dic 2001 . Actualizado a las 06:00 h.Vaise armar un belén. Nace o euro e todo o mundo anda preocupado. Nadal é unha festa que sempre convoca á reflexión sobre a pobreza, e o cristián sabe que non se pode servir a dous señores: Deus e o diñeiro, porque este, simple medio de intercambio, convertémolo en fin acumulando pezas metálicas e alí onde está o teu tesouro, -di Mateo, 6,21-, alí aparca o teu corazón. A editorial Sept acaba de publicar un libro meu -seica fai o número 30- titulado Da ceca á Meca. Diñeiro e profecía. A ceca é o lugar onde se cuña a moeda e a Meca, a capital do islamismo. Roma «capital» Vaticano é un dos capítulos que delatan a ansia de cartos dos representantes da Meca. Historicamente, o diñeiro nace no templo. Fronte á súa divinización clama Xesús de Nazaré: «Non se pode servir a dous señores: o Pai de Xesús e o deus Mammona ou diñeiro». Imos vivir meses de europatía, de paixón polo euro e de padecemento no exercicio de ir desbotando a humilde peseta. Boa ocasión para repensa-la función do diñeiro, relativizándoo. Dous beléns para escoller; non se vale optar polos dous.