O PRINCIPIÑO DE TEOPHIL

La Voz

OPINIÓN

CARLOS CASARES

11 dic 2001 . Actualizado a las 06:00 h.

Algunha vez teño falado aquí da miña colección de edicións de O Principiño de Saint-Exupéry, que está formada por uns noventa exemplares en preto de sesenta linguas de todo o mundo. Hai pouco aínda fíxenme coa traducción ó bergamasco, un idioma que se fala na provincia de Bérgamo, na Lombardía italiana, entre os Alpes e Milán. Titúlase `L Prìncep Piccinì. Sorprendeume a presentación do libro, que non leva os debuxos orixinais do autor, como esixen os propietarios dos dereitos, senón outros moi distintos, con traza de estar realizados por nenos. O enigma vén explicado no prólogo, escrito en italiano. A traductora, que se chama Margherita Recanati, conta que un día, cando traballaba nun orfanato de Burundi, en África, mentres facía uns debuxos, observou que un dos nenos orfos por culpa da guerra, Teophil Kidikumana, trataba de imitala pintando no piso cun carbón. Conmovida, regaloulle un mazo de lápices de colores, que o neno atou cunhas herbas e colocou con orgullo no peto da camisa para usalos cando acabase a guerra. Para darlle as gracias, Teophil bailou para ela soa unha danza chamada O voo do paxaro da paz. Despois, Margherita leulles ós alumnos O Principiño. Nos días que seguiron, empezaron a aparecer debuxos sobre o protagonista en todas partes: nas paredes, no chan, no polvo dos camiños. Case ó mesmo tempo, a profesora mercoulle unha bicicleta ó seu amigo. Logo volveu a Italia. No verán do ano pasado, recibiu a noticia da morte de Teophil, ó bater coa cabeza contra unha pedra. Coa noticia, chegáronlle tamén uns debuxos que o neno fixera cos lápices que ela lle regalara. Representan a un Principiño louro e negro, precioso.