CARLOS CASARES
02 dic 2001 . Actualizado a las 06:00 h.Onte, despois de asistir á homenaxe dedicada ó poeta Antonio Tovar en Rairiz de Veiga, que estivo moi ben, fun pasar a tarde a Vilariño das Poldras, na casa do meu amigo Quico, o granxeiro do cal xa teño falado aquí algunhas veces. Había bastante xente e a conversa, que se prolongou varias horas, resultou moi interesante. Hai anos que estou convencido de que as persoas que viven no campo falan de cousas verdadeiramente importantes, de xeito que o tempo transcorre a un ritmo distinto, nin lento nin rápido, igual que o movemento da lúa ou do sol. Excuso engadir, polo tanto, que o pasamos moi ben. Eu aprendín algunhas cousas que non sabía. A primeira foi o que contou unha señora, que explicou que cando era moza e ía ó monte co gando (ela dicía «gado», que é como dicimos na Limia), sabía en qué momento eran as doce en punto, só mirando a propia sombra. No instante en que ó adiantar o pé, a sombra deste tocaba coa da cabeza, chegara o mediodía. Logo falou tamén das lúas e a influencia que teñen nas persoas e nas colleitas. Tamén aprendín que os burros están subvencionados, porque xa non quedan, e que os poucos que hai, parece que os mandan para Francia, onde teñen moita aceptación como animais exóticos. Por suposto que se fixeron bromas con esto de que non quedan burros e que se exportan ó estranxeiro. Por último, falouse do diñeiro e da importancia que ten na vida e de cómo a xente se pelexa por el, ou mata, ou traiciona as amistades. Nada que non saibamos todos, pois o tema, visto deste xeito, ten carácter de tópico universal. A novidade foi o que dixo o propio Quico, cando comentou que o Demo non existe; son os cartos. Totalmente de acordo.