CARLOS CASARES
21 nov 2001 . Actualizado a las 06:00 h.Hai uns días falei nesta columna de a diario da colección que teño de edicións de Le petit prince en linguas de case todo o mundo. Como consecuencia daquel artigo chamáronme da Consellería de Familia para pedirme que lles prestase os libros coa intención de facer unha exposición destinada a un grupo de máis de douscentos rapaces de distintas escolas. Onte estiven na inauguración. Eu mesmo quedei sorprendido, pois ata agora nunca vira a colección exposta no seu conxuto, colocada en andeis protexidos por cristais. A verdade é que, vista desta maneira, resulta moi fermosa e bastante sorprendente. Chaman a atención, sobre todo, as edicións en linguas de alfabeto distinto, como poden ser o grego, o devanagari da India, o cirílico, o xaponés. Nesta última, ademáis, os rapaces quedan sorprendidos de que a capa do libro estea «ó revés», é dicir, na parte que nos chamamos a contracapa e que a lectura se faga de esquerda a dereita. Unha boa oportunidade para falarlles ós nenos das diferencias e da relatividade das cousas. Os pequenos, que eran pequenos de verdade, estiveron moi atentos en tanto lles falaban da paz, cada un deles cun exemplar de O principiño na man, mirándolle os santos. Mentres eu os observaba, fascinado por tanta inocencia xunta, veume á cabeza idea de pensar cómo sería a biografía individual de todos aqueles cativos dentro de vinte anos. Inevitablemente, haberá de todo. Para que ese todo sexa o máis venturoso posible, actos como o de onte parécenme espléndidos. Cando lle amosei a edición de uzbequistán, todos sabían onde quedaba Afganistán. Está ben que aprendan xeografíia, pero mellor que aprendan a xeografía do corazón.