EXERCICIOS ESPIRITUAIS

La Voz

OPINIÓN

LUISA CASTRO O INIMIGO NA CASA

13 nov 2001 . Actualizado a las 06:00 h.

É verdade que un escritor non sae do seu furado, pero aquí dentro pasan moitas cousas, e cando voto o pé fóra teño a vantaxe de apreciar nos máis nimios sucesos verdadeiras miragres, algo absolutamente necesario se un quere ser un escritor europeo. Cando a min me preguntan que son non se me ocorre dicir xornalista, coma Espido Freire. O que digo é que traballo na casa, cousa que me protexe de toda clase de etiquetas sen incurrir en ningunha falsedade. Hai tempo que asumín que o destino de caixeira íame estar vedado, e o de escritora estranxeira tamén, así que me conformo con pasar por ama de casa aída que aquí dentro me dedique a todo menos a fregar pratos e ve-la televisión, que tamén o fago. A reclusión é a condición do beato se un quere alucinar un pouco, que é sempre o desexo previo ó de escribir, doutra maneira o mundo vólvese romo. ¿Pero quen ve mellor o mundo, eu cos ollos alucinados do encerro ou as pupilas con calo da miña caixeira do Froiz? ¿Os estudiantes pechados na facultade de Historia ou as mulleres que perden a vida nas colas dos supermercados? Mentiras e vinganzas Os que non deben facer moitos exercicios espirituais son Bin Laden, sumo caixeiro da gran mentira, nin Bush, expendedor de vinganzas. Eses si que están no mundo. A miña caixeira fálame do bon que está Bin Laden, e niso coincidimos. Cando pase todo isto poñerei a súa foto no meu armario. O que volveu reposto dos seus exercicios espirituais é Beiras. Eu aínda non me repuxen da perrencha que nos pegou cando perdeu as eleccións polo televexo, como el lle chama, que se dirixe ás camaras desprezando a quen está detrás delas e falándolle ós seus militantes nunha xerga incomprensible coma se os demais, caixeiras e amas de casa, non existiramos. Ás veces unha, cando vota ó seu candidato, o que desexa non é que gañe, senón velo feliz. Non nos pagues así, Beiras, tempranza en nome de nosos avós, todos no cemiterio cargados de desprezos. Funos ver a todos, ós de Fazouro e ós de Marzán. Levei ós nenos a poñer froles ós nichos, e gustoulles moito a excursión. Atopamos no cemiterio a unha curmá de meu pai, que se botou enriba dunha filla miña: tu es relámpaga, lle dixo, tu non o podes negar. A nena non se botou a chorar pero faltoulle pouco. Patriotas Patriotismo. Patriotismo é a palabra dos xornais esta semana. Socialistas e populares litigan por ela, e eu teño patriotismo de Marzán. De volta do cemiterio fumos por alí recoller unha cabaza que me deu Eudoxia. De pequena eu ía de noite, da miña casa á súa, pisando o fío de luz que no medio do camiño formaban a súa porta entreaberta e a nosa. O patriotismo si que ven de América; as cabazas non, as cabazas veñen da chousa de Eudoxia. Meu pai facíalles ollos e dentes e metíalles unha vela, e a cabaza durmía toda a noite con nós, non había morto que se atrevera a petar á porta. Fixen o mesmo este ano coa cabaza de Eudoxia, e os pícaros durmiron coma liróns.