CARLOS CASARES Á MARXE
13 nov 2001 . Actualizado a las 06:00 h.Había tempo que non vía unha cousa así: un home dándolle unha dentada a unha moeda, como para probar a súa legalidade. Foi en Santiago, onte pola tarde. Era un señor duns setenta anos, mal vestido, con gabardina vella e gorra furada por tres ou catro sitios. Supuxen que alguén lle entregara a moeda pouco antes, pedida na rúa coa man extendida. Ese xesto víase antes con algunha frecuencia, nunca souben por qué, tal vez por desconfianza de que lle deran diñeiro falso. Eu coñecín a un pobre, alá na miña terra, que cando recibía a esmola, instintivamente levábaa á boca e dáballe unha dentada nunha esquina. Recordo unha vez que lin unha historia que conta o escritor Elías Canetti con motivo dunha viaxe que fixo por Marrocos. Non lembro os detalles, pero máis ou menos a cousa consistía en describir a estampa dun cego, con posto de esmoleiro no recuncho dunha praza, que cada vez que recibía unha moeda, metíaa enteira na boca e dáballe varias voltas, para botala despois e metela dentro dunha bolsa que levaba pendurada do pescozo. Cando Canetti estaba observando a escena, achegouse alguén por detrás e díxolle que era un morabito, especie de santo. O escritor interpretou o xesto entón como unha forma ritual, algo así como se o cego, introducindo a peza de diñeiro na boca, o santificase, devolvéndolle unha dignidade que alcanzaba tamén á persoa que acababa de entregar a esmola. Chegou a construír na mente unha fermosa teoría sobre a virtude dos morabitos, especialmente daquel pobre que tiña diante. Nesas estaba cando se achegou outro paisano, sorprendido pola curiosidade do estranxeiro, e aclaroulle: «É un vello moi bo, pero tamén moi desconfiado».