CARLOS CASARES
04 nov 2001 . Actualizado a las 06:00 h.Na columna de onte falei dun veciño meu nos veráns, a quen coñecín en Suecia hai anos, que un día, despois de mercar unha enciclopedia, decidiu abandonar o traballo para meterse na cama e estudiar os vinte volumes daquela obra. Hoxe vou falar dun fillo daquel home, tamén bastante singular, pero moito máis dramático que o seu pai, que fixo igualmente algunhas cousas raras na súa vida. Era unha persoa ben dotada intelectualmente, de trato agradable, que ocupaba un posto de responsabilidade, ben pagado, nunha importante empresa relacionada coa potente industria sueca da fabricación de aceiros de alta calidade. Un día, este señor, que daquela non tería moito máis alá de trinta anos, acordou facer unha viaxe de pracer ós Estados Unidos. Nada máis baixar do avión en Nova York, aparecéuselle un marciano que lle anunciou a fin do mundo para unha data próxima. Sen dubidalo, o sueco colleu o primeiro avión de volta, que saía pola noite, e regresou ó seu país. En Estocolmo presentouse á policía e comunicoulle o que lle dixera o marciano. Como non lle fixeron caso, foi á casa, fixo os preparativos correspondentes, meteu os trebellos nun saco e encamiñouse en bicicleta a unha localidade próxima, onde se atopaba unha importante base militar. Sen dubidalo, fíxoa saltar polo aire. Como consecuencia daquelo, pasou unha tempada nunha casa de saúde. Cando xa saíra, eu víao de cando en vez no xardín dos pais, guichando polas ventás como se fose espía, sen atreverse a entrar. Vivía pacificamente non lonxe de alí, nunca casiña cun pequeno terreo arredor, que sementou de trigo. Contrastaba moito cos xardíns dos veciños, de céspede verde impecable. Parecía feliz.