CARLOS CASARES
29 oct 2001 . Actualizado a las 06:00 h.A mesma noite en que empezou a guerra en Afganistán, un avión de recoñecemento da CIA, equipado con cámaras de televisión capaces de ler un periódico a varios miles de metros de distancia e armado con potentes misiles, identificou ó mulá Omar, xefe dos talibáns, saíndo de Kabul nunha caravana de coches. Aínda que a CIA non estaba autorizada a pulsar o botón, as imaxes eran observadas naquel momento en distintas zonas de mando dos EE UU, incluído o Comando Central, situado nunha base aérea de Florida. O avión espía foi seguindo a caravana ata un edificio onde Omar e os talibáns se esconderon. Alguén pediu entón permiso para lanzar uns misiles contra aquel lugar, pero o xeneral Frank, comandante en xefe e o único militar americano con autorización para dar a orde de disparar, dixo que o seu asesor xurídico lle dixera que aquelo non se podía facer. Autorizou, eso si, a tirar unha bomba diante da porta, a ver quen saía fóra para mirar o que pasara e facerlles unha foto. Con foto ou non, o caso é que o mulá Omar conseguíu fuxir. O rebumbio que se montou entre os xenerais americanos e os responsables da CIA debeu ser maiúsculo, segundo conta o The New Yorker da semana pasada. Poucos minutos despois de que os talibáns e o seu xefe abandonaran o refuxio, un par de avións F-18 achegáronse á zona e arrasaron o obxectivo. Entre a decisión inicial do xeneral Tommy R. Frank, de non disparar, e a corrección que alguén lle aplicou algo máis tarde, enviando os avións a bombardear, algo sucedeu. Se había algunha posibilidade remota de facer unha guerra políticamente correcta, acabou alí. Agora xa morren nenos, como sempre. Aínda que só sexan danos colaterais.