ISAAC DÍAZ PARDO
28 oct 2001 . Actualizado a las 06:00 h.Ideogramador, músico, periodista, soldado, obreiro, campesino, comentador de radio, escenógrafo, ilustrador, crítico de arte e literatura, graduado en Socioloxía, narrador, novelista, poeta, profesor na Universidade de New York, profesor de todo en moitas universidades, esquerdista da esquerda, troskista até o derradeiro alento, exilado político en varios países, surrealista presente en tódalas manifestacións que acadaron gran prestixio no mundo, menos na España do franquismo, ao lado de Bretón, Ernst, Tanguy, Matta, Lam, Duchamp, Meissner, Pèret, Picasso, Magritte, Giacometti, Arp... no que se introduxera polos anos 30 Buñuel, e finalmente Dalí co seu método «crítico-paranoico», máis logo polo seu transfuguismo, o capitán do surrealismo, André Bretón, o calificou de «neo-falanxista, mesa de noite, ávida dólar». Alguén me preguntou que valoración faría de Granell e de Dalí. Sen dubidalo, coido que Granell é máis que Dalí. Éste vendeuse barato. Non se lle pode negar unha disciplina debuxística que lle serviu, en xeral, para facer babecadas asombrando aos burgueses con grandilocuencias, como El gran masturbador ou os Recuerdos intrauterinos. Recén chegado da Norteamérica macartista, polo ano 52, para preparar a entrada dos ianquis, dixo na conferencia do María Guerrero, de Madrid, aquelo de «Picasso es un genio, yo también», «Picasso es comunista, yo tampoco», para facer a continuación o gran panexírico do dictador. A obra de Granell é unha ética continuada, co sacrificio da súa vida, pola causa do home. Non debe esquencerse que o surrealismo ten as súas raíces no movemento Dadá, de Tristán Tzara, de Hülsenbech e Hans Arp, que se alza contra as normas establecidas, contra calquer forma artística da burguesía tradicional metida na Academia. O surrealismo na formulación de André Bretón tenta sumar un automatismo psíquico. O mesmo Granell, que transcende as fórmulas surreais, di que o surrealismo non é facer obra plástica irreal senón manter unha actitude ética en liberdade, comprometida coas causas xustas do home. Mentras Dalí escrebe esas bufonadas para abraiar aos burgueses a obra literaria de Granell acada cotas moi altas no surrealismo, deica o punto de que La novela del indio Tupinamba, construida sobre anacos da Guerra Civil, considérase a obra maestra do surrealismo. Curiosamente, se houbésemos de buscar outra novela de carácter surreal construída con cachos da Guerra Civil coido que a atopariamos en O lápis do carpinteiro, de Manuel Rivas. Dalí nasceu en Catalunya e aínda que a súa conducta de tránsfuga non cadra cos cataláns, alí non lle fallou ren. E Granell nasceu en Galiza... Hoxe temos importantes institucións que están a fomentar a promoción de novos valores, labor na que se invisten moitos cartos, e eu estou de acordo con ela, mais non se avistan no hourizonte figuras como as de Granell. É unha sorte, pois, que Galiza poda reter este impagable legado, e hai que facer un esforzo intelixente para poder completalo axiña, coa súa biblioteca e a súa documentación, antes de que sexa tarde. Ós que fagan as cousas ben a historia váillelo premiar, mais se por servir a outros intereses non se fan ben, a historia váillelo a demandar. E Granell non está soio nestas consideracións. Teriamos que sinalar o valor dos homes que traballaron no movemento renovador da arte galega.