MALOS E RUÍNS

La Voz

OPINIÓN

CARLOS CASARES

28 oct 2001 . Actualizado a las 06:00 h.

A min gústanme os malos que non son realmente ruíns, da mesma maneira que me gustan os botarates que non son bobos. Polo que respecta ós primeiros, non abundan, pois desgraciadamente a maldade adoita ir unida case sempre á ruindade. Algúns exemplos hai, non obstante. Agora mesmo, por exemplo, recordo a varios. Un deles era un vellote rabisaco da miña infancia que gozaba facéndolle regalos á miña tía Pepita soamente para que rabiase a miña nai, a quen non podía ver. A elección dos regalos, polo tanto, non os facía de acordo cos gustos da destinataria, senón da persoa a quen quería chinchar. A miña tía, que era tan ben pensada que pensaba ben de todo o mundo, incluídos os escasos inimigos que lle tocaron na vida (hai para todo), non entendía cómo aquel home que pretendía ser bo con ela, lle regalase sempre tarros de mel, que detestaba. Nunca se decatou de que o problema era que lle gustaba á miña nai, a cal acababa coméndoos. Por eso digo que hai malos que non son ruíns, como este caso que cito. A un malo-malo nunca lle sae o tiro pola culata, pois a maldade consiste precisamente en saber concentrar todo o talento no punto de mira, para non fallar, ademais de saber elixir sempre a arma adecuada para facer todo o mal que se poda. O outro día, mentres esperaba turno na caixa dun supermercado, oín a dous homes maiores que falaban da maldade dun terceiro, compañeiro de partida despois de xantar. Polo que contaban, non me parecía ruín. Convencinme cando un deles dixo: «Ese é tan atravesado que me dixeron que un día se puxo coas orellas sangrando diante da peluquería do cuñado coa mala intención de arruinarlle o negocio».