CARLOS CASARES
27 oct 2001 . Actualizado a las 07:00 h.Confeso que onte pola mañá, cando lin as páxinas de deportes deste periódico, levei unha pequena decepción. Eu oín contar varias veces esa anécdota de que Arsenio Iglesias, no seu debut como xogador de Primeira División, ó marcarlle un gol a Ramallets, se achegara a el para dicirlle con todo respeto: «Perdone, señor Ramallets». Parece que a historia é apócrifa e que foi inventada por alguén para presentar a Arsenio como un rapaz de aldea que andaba pola vida pedindo perdón. Non dubido desa mala intención, pero a anécdota, se fose certa, non serviría para rebaixar ó seu protagonista, senón todo o contrario. Hai anos que escoito con interés a Arsenio. O que sempre me gustou deste home é que non fala como a maioría da xente, senón que se expresa dunha forma distinta, que obriga a escoitalo porque nunca di nada que sexa previsible nin vulgar. É o mesmo que sucede, no mundo da literatura, con escritores como Pla ou Baroja. Que Arsenio lle pedira perdón a Ramallets, polo tanto, estaría mellor que se pegase un salto para celebrar o gol. Téñome fixado que hai un comentarista de televisión, moi presumido e pedante, que procura pronunciar os nomes dos futbolistas estranxeiros cunha dicción impecable. Non sei qué fará cos rusos e os xugoslavos, pero co sueco Björklund mete a pata varios metros, eso si, cunha seguridade que impresiona. Arsenio, en cambio, diante dos nomes raros, actúa con naturalidade e intelixencia, sobre todo con sentido común. Di: «O ruso», por exemplo, que está moito mellor. Así que lamento que non sexa certo o de Ramallets. Como lamentaría que non fosen verdade todas as cousas que me teñen contado de Vituco Leirachá, outro home singular.