A NOVA GALICIA

La Voz

OPINIÓN

EMILIO PÉREZ TOURIÑO

07 oct 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

A nova Galicia, a Galicia de mañá, de hoxe mesmo e de hai xa tempo, que habita entre nós e É habitada por nós. O sorprendente É que non sexa razoablemente homoxénea, equilibrada. O chocante É que a convivencia coa vella, coa atrasada Galicia sexa tan abrupta, tan cotiá _e aí está o problema_ esté tan presente non só en certos núcleos sociais ou territoriais senón que afecte á maioría, mellor dito, a todos.
As expresións empresariais, profesionais, culturais e deportivas _por citar só algunhas_ competitivas e exitosas, nacional e internacionalmente, son expresións da enorme capacidade e potencialidade do noso país. Desgraciadamente, non son mostras do vigor e da modernidade do conxunto da nosa Comunidade. Non É proporcional, coherente, co noso desenvolvemento, cos déficits que aínda arrastramos, cos desequilibrios e inxustizas que aínda se dan na nosa terra.
A nova Galicia que emerxe malia ós moitos pesares non garda relación co noso despoboamento, coa emigración dos nosos mozos, coa lentitude no proceso das nosas infraestructuras, coa grave situación dos nosos sectores económicos tradicionais, coas lacerantes insuficiencias dos servicios públicos...
Non me cansarei de insistir na dimensión do que as galegas e galegos nos xogamos o vindeiro 21 de outubro. Nin máis nin menos que o futuro, como enfrontalo, a qué resultados aspirar, en qué prazos de tempo conseguilos. Imos xogar nesta década o que será Galicia no presente sÉculo. Sinxelamente porque a velocidade das transformacións que o mundo está a vivir fai que o que non se avance, as posicións que non se tomen, se pagarán caro: o tempo que se perda será moi difícil, moi custoso, recuperalo. Por iso non podemos perder catro anos máis. Porque estes últimos anos... bastante e bastante mal, témolos perdido.
E entre o que imos a optar é tamén, sinxelamente, entre seguir nesta apariencia de progreso _permanentemente declinante_ ou darlle a Galicia a dirección, liberdade e ambición para que desenvolva tódalas súas capacidades e se coloque onde lle corresponde. Trátase de optar entre un camiño, o actual, no que necesitaremos máis de sesenta anos en acada-la media da renta comunitaria _xa nos sobrepasou o norte de Portugal_ ou ben rompe-la tendencia a baixa, abandoa-la cola das rexións europeas e afronta-lo desafío de situar a Galicia entre as Comunidades desenvolvidas de Europa.
Porque Galicia ten identidade, posición e recursos para gaña-lo futuro. Pero non así. E o que falla é o goberno: a súa dirección, as súas prioridades, o seu talante...
A dereita, o PP, aínda estando en buena forma, non sería a opción coa que afronta-lo novo século con ambición de gañar. O seu autoritarismo e a súa concepción monopolística do poder non son os ingredentes cos que gaña-lo futuro. Pero ademais... ¡Cómo están!... Un PP en guerra civil pola iminencia dunha sucesión que Fraga pretende xestionar dende a presidencia, é sinónimo de tensión e inestabilidade interna. Sería lamentable que, neste inicio de milenio, os galegos, todos, pagásemo-los problemas internos dun partido, o PP, co único móbil de manterse no poder a calquera prezo. Mesmo o de ocultar, por parte de Fraga, os seus planos de sucesión ó conxunto do electorado.
A dereita non é o camiño. O PP está esgotado. Non ten xa máis ideas e implica inestabilidade. Non están para gobernar e son un estorbo para o progreso de Galicia. Para aquelo ó que a nosa Comunidade poida e deba chegar a ser.
A maioría dos galegos e galegas queren un cambio. Un cambio seguro e tranquilo, que aproveitando os progresos acadados, tome un novo impulso para supera-los lastres seculares da nosa Galicia. Porque _a maioría xa o sabemos_ estamos en condicións de construír unha comunidade desenvolta e moderna, aberta e innovadora, xusta e integrada, democrática e plural. Unha Galicia influínte en España e en Europa. Unha Galicia ben posicionada no mundo global.
Ante a cita do día 21, os socialistas propoñemos un proxecto de país que mobilice as nosas mellores capacidades para facer realidade a Galicia posible. Unha nova Galicia emprendedora, próspera e solidaria.
A proposta que presentamos é un proxecto dirixido á maioría da Comunidade. O único proxecto que pode reuni-la confianza da maioría dos galegos que desexan o cambio, da maioría que quere gaña-lo futuro.
O vindeiro 21 de outubro, nas primeiras eleccións do século XXI, o voto do cambio é o voto PSdeG. O da maioría da nova Galicia. Para facela entre todos.