CARLOS CASARES
23 sep 2001 . Actualizado a las 07:00 h.Antes, os curas das aldeas coñecíanse entre eles polos topónimos das parroquias que rexentaban, de maneira que se chamaban Tamallancos, Bóveda, Abruciños, Bangueses, Beiro en vez de Valerio, Xesús, Carlos, Pepe ou calquera outro nome de pía. Non era raro tampouco que empregasen alcumes e nomeadas, igual que o resto dos veciños. Eu recordo a un Barriga Verde, por causa da barriga enorme que tiña, máis parecida a un sillón onde se podía sentar unha persoa que a unha cintura normal. Tamén coñecín e tratei bastante a un señor abade a quen os seus compañeiros coñecían por Potiño, ignoro por qué razón. O outro día, cando estiven en Las Palmas, invitado pola asociación que agrupa as casas e museos de escritores que hai en toda España, chamoume a atención que se dirixisen uns a outros polo mesmo procedemento que os curas. Durante unha cea ó aire libre que tivemos en Moya, na casa natal do poeta Tomás Morales, escoitábanse preguntas como «¿Viste a Lorca?» ou informacións como «Aquella es doña Emilia» ou «Allá va Curros». O procedemento tiña algunhas disfuncións. Chamarlle Rosalía a Gonzalo Rei Lama, por exemplo, resultaba algo chocante, o mesmo que dirixirse a unha fermosa rapaza catalana polo nome de Josep Pla. O máis extravagante, con todo, foi cando vin xuntos a dona Emilia Pardo Bazán e a don Benito Pérez Galdós, que foron amantes, pero coa particularidade de que nesta ocasión don Benito era unha señora. Eso non impediu que a galega se dirixise á canaria cun «¿Qué hay, miquiño?», fórmula que dona Emilia, a verdadeira, empregaba nas cartas. Fíxome a ilusión de que todo era de verdade. Foi como se fose a Canarias a soñar.