EXPLICACIÓN RACIONAL

La Voz

OPINIÓN

CARLOS CASARES

22 sep 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

Agora mesmo, cando escribo este artigo, estou empantanado no aeroporto de Barajas. Viña de Las Palmas e o avión que me traía chegou tarde, co cal non puiden coller o enlace. Nada raro, polo menos para min, que teño unha longa experiencia neste tipo de percances. Non sei por qué saímos con tanto retraso, pois ninguén se sentiu obrigado a informar. Esto último das informacións non deixa de ser curioso. Unhas veces, como sucedeu na viaxe de ida, dan toda clase de detalles, igual que cando Primo de Rivera explicaba o retraso dunha lei por culpa da bicleta do recadeiro encargado de levala á imprenta. Durante a viaxe, falei cunha azafata moi amable, que me dixo que era posible que chegásemos a tempo a Madrid. Efectivamente, o avión pousouse sobre a pista uns vinte minutos antes da saída do meu vóo seguinte, co cal cheguei a ter esperanzas, pero non contaba con que o desembarco non se fixese polo corredor, unha decisión que nunca souben en qué criterios se basa, pois é como se houbese desembarcos de primeira e de segunda. Pero ademáis, tampouco sei por qué motivo, despois de aterrar aínda tivemos que permanecer dentro do avión, coas portas pechadas, durante varios minutos. Algunha razón habería. Logo, metidos xa dentro do autobús, camiño da terminal, unha longa parada, esta vez para deixar paso a un avión chileno que saía a despegar, e uns segundos despois outra paradiña, esta algo máis pequena, por culpa dun coche de servicio que perdera unha maleta no medio da pista. A continuación, loxicamente, sucedeu o que eu esperaba desde que saíra de Las Palmas. Menos mal que un amigo me deu unha explicación racional: «¿E ti non serás gafe?».