XOSÉ CARLOS CANEIRO
19 sep 2001 . Actualizado a las 07:00 h.O inferno existe. Pero existe todos os días. A penas goza de minutos no televisor ata que o centro do planeta (eles, nós) recibe o impacto tétrico do odio. O terrorismo é unha ferida que carece de terapia. Porque non é unha guerra, senón a metáfora da guerra. E contra as metáforas non serve ningún ortodoxo remedio. Os terroristas coñecen esta certeza. Por iso limitan o seu campo de acción a derrocar emblemas, identidades, representacións, símbolos: as metáforas destrúen o sentido real da linguaxe. O terror é un lagarto que se procrea a si mesmo, imparable, indestructible. ¡Odio, fillo do inferno!, gritaba Rosalía de Castro. Eu tamén grito. Porque o terror apreta os meus dedos ás teclas grises do ordenador. E fainos chorar. Escribo coa imaxe dunha nena morta de fame nalgún lugar de África, Hispanoámerica, Oriente. Coas lágrimas duns ollos azuis na punta sur de Manhattan. O inferno existe. Todos os días. Palpitando entre as trenzas deste mundo ordenado, dirixido, sometido por algún espectro gris: Bush, Bin Laden, Sharon, o suicida sen rostro e sen nome que pilota os ceos da terra. Setembro, dous mil un. O futuro non pode ser peor. Non.