O VELLO CALCORRA

La Voz

OPINIÓN

CARLOS CASARES / Á MARXE

15 sep 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

Onte estiven en Celanova para dar unha conferencia no congreso dedicado a Curros Enríquez. Entre outras cousas lin o que dixeron do pai do poeta os biógrafos do seu fillo. Para un deles, o vello Calcorra, nomeada pola cal o coñecían os veciños, foi enrabexado, vengativo, rencoroso, teimudo, infiel, fariseo, de perversións satánicas. Para outro, rixo, duro, intransixente e esaxerado nos castigos. Para un terceiro era pequeno, gordo, miope, de nariz ganchudo, irascible, fanático, sectario, cruel, sen emoción humana de ningún tipo, sensual, mullereiro... E por riba, carlista trabucaire e católico furioso. Este retrato sempre me pareceu irreal. Pero cando Antonio Piñeiro me deu unha copia do testamento deste home, tiven dúbidas. Primeiro porque pide que, de morto («hecho cadáver mi cuerpo»), lle digan unha misa ó anxo da garda, outra ó santo do seu nome, outra a San Bieito, outra a San Pedro e vinte á Virxe María. Segundo, porque da súa muller di que «no sólo no contribuyó a aumentar la casa, sino que la despachó considerablemente». Na viaxe de volta vin folleando un libro sobre Celanova que me regalou o alcalde. Os autores, X.L. Méndez Ferrín e Xosé Benito Reza, dan nel unha primicia que me encheu de gozo. Segundo unha acta municipal que transcriben, o día 24 de xullo de 1854, ás cinco da tarde, a xente da vila, coas armas na man, lanzouse á praza da Constitución, e ós berros de Viva la libertad y fuera el Despotismo, elixiron por aclamación a un grupo de persoas de reconocido carácter y firmes principios liberales para poñer á fronte do Concello. Entre os elixidos estaba don José María de Curros, é dicir, o vello Calcorra, pai de Curros. ¡Concho!