ISAAC DÍAZ PARDO CRÓNICAS INCONFORMISTAS
02 sep 2001 . Actualizado a las 07:00 h.Vou botar unhas bágoas a carón dos novos tangaraños en louvanza do sesqui centenario do nascemento de Curros Enríquez. Neste xardín das delicias que nos ofrece a sociedade de consumo para que, os que non temos onde caer mortos, nos sintamos felices rodeados dunha manchea de aparellos electrónicos (que non pasan de ser eléctricos) construídos coas últimas tecnoloxías (que non pasan de ser as técnicas de sempre), porque a inflación dos adxetivos cos sufixos «trónicos» e «loxías» son estratexias comerciais para facer máis rimbombantes a denominación dos productos, para nos deixar a todos coa boca aberta, namentras os donos do mundo confían que nos sintamos felices e caladiños dentro dos «muros de silenzo» establecidos por quen fixeron eses alardes de técnicas da comunicación que pasman e que resultan ser unha farsa. Os poderosos entretéñense en ficar a espreita de quen ten dificultades para sobrevivir e ir a por eles. Curros Enríquez, que adicara a máis fermosa oración para axudar as nais para desentangarañar aos seus fillos, non podería maxinar que o progreso e a democracia traeríanos outros tangaraños peores: As nosas rías vense contaminadas con tanto «progreso», e algunhas metidas en terribles perigos. Os montes repoboados por máquinas en troques de árbores para que xente allea faga o seu agosto á nosa costa. ¿Quen ían dizer que Galiza aumentaría a súa colonización coa chegada da democracia? Pretendíamos que coa súa chegada restauraríamos a nosa lingua deturpada e só conseguimos a normativación deste castrapo no que estamos escribindo, e que auténticos demócratas que padeceron a historia, como Carballo e Marinhas, tivesen que abandonar as súas cadeiras. O povo xudeu, que sufreu as peores persecucións raciais da historia, e que saiu da Segunda Guerra Mundial nimbado de povo mártir e heroico, ía ser utilizado o seu prestixio polos poderosos como garda e avanzadilla para vixiar os seus negocios no Oriente Medio, xustificándolle un programa de asasinatos selectivos do povo palestino (¡Para eso fíxose a máis grande Guerra Mundial contra o totalitarismo e o racismo!). Todo é posible coa técnica desa asociación do crimen que semella ser a CIA, como eles mesmos reconocen, na súa intervención das matanzas do Chile de Pinochet e na dos marxistas da Arxentina, entre outras cousas que ben sabemos... Aínda que non sabemos que facía Kissinger en Madrid o día anterior á «voladura» de Carrero Blanco. Os nosos tangaraños están amparados polo acontecer global. Mais os tangaraños que padecemos nós son os que máis nos doen. Curros non podería maxinar que tampouco os nosos males, obra dos egoísmos e das sinrazóns dos homes, terían cura por moito que llo tiñamos pedido a San Bieito de Cova de Lobo co seu penedo furado. É Galiza a que ten hoxe un Shylock no espiñazo e un Marat nas costelas, e por moito que recemos por ela, os caciques do raño de dentro e de fora nona deixarán curar, e cos nosos membros entangarañidos Galiza vai morrer toda entangarañada.