A NOVA GALICIA

La Voz

OPINIÓN

EMILIO PÉREZ TOURIÑO SECRETARIO XERAL DO PSDEG-PSOE TRIBUNA

01 sep 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

Temos os galegos moitos exemplos para pensar, con fundamento e con orgullo, o que Galicia pode ser. E moitos máis, desgraciadamente, do que aínda non é, e do que nos falta aínda... Cando saímos polo mundo -e aínda non movéndonos do noso pobo- a nosa potencialidade, en forma de expresións empresariais e profesionais, deportivas, culturais, resulta rechamante. Varias das nosas empresas iluminan o parqué da bolsa madrileña e compiten na vangarda dos mercados mundiais; Carlos Núñez destaca no top ten americano, creadores artísticos alcanzan recoñecemento internacional; en Bos Aires, Tokio ou Nova York se merca e se cotiza a moda galega; o noso Celta e o noso Depor entusiasman co fútbol e impoñen respecto xoguen no estadio, nacional ou europeo, no que xoguen. Boas mostras todas elas, e moitas máis, da capacidade dos nosos emprendedores, da potencialidade tamén da nosa comunidade no seu conxunto. Lamentablemente esto dista de ser toda Galicia. Non é proporcional, coherente, có noso desenrolo, cos déficits que aínda arrastramos, cos desequilibrios e inxustizas que aínda se dan cita no noso país. Non garda relación co noso despoboamento, coa emigración de mozos que non cesa, co noso posto no furgón de cola da sociedade do coñecemento e de I+D, coa lamentable situación dos nosos sectores económicos tradicionais, co noso caos territorial e urbanístico. ¿A que se debe esta asimetría? ¿A que responde que, á vez que demostramos que podemos comernos o mundo, estamos cada vez nunha posición máis atrasada no ranking de rexións europeas, que podemos tardar -ó paso da dereita- 60 anos en acadar o seu nivel de renda? A resposta a estas preguntas, a este contraste entre o que pode ser e o que é Galicia, a tivemos de forma esperpéntica o pasado luns. Todos puidemos ver que o que falla é a política, mellor dito, a dirección da política galega. O presidente da Xunta, Manuel Fraga, eterno candidato, e outro candidato, Beiras, arrancaban a precampaña cruzándose especulacións, certificados e historiais médicos. Nesta imaxe sintetízase á perfección unha conclusión que xa moitos galegos teñen clara. Nin Fraga nin Beiras, nin a dereita nin o nacionalismo son as opcións que Galicia necesita para o noso inmediato futuro. Para gañalo. Como xa dixen, non vou entrar en ningunha conxectura sobre estados físicos de ninguén. A dereita, o PP, está absolutamente esgotada, nin ten ideas nin é competente. Basta con repasar na nosa memoria esta lexislatura mediocre e declinante, e o patetismo da xestión das crises que nos azoutaron. A propia candidatura de Fraga demóstrao. Non lles queda nada máis que a súa figura. E a súa figura, por certo, non é o problema. Hai tempo que debería terse retirado. O problema para Galicia é o propio PP, que vive, dende hai meses, en clave sucesoria. Sábeo toda Galicia. E tamén sabemos todos quen se colocou o primeiro da fila... Esgotada, sen ideas e cun presente e un horizonte de tensións e conflicto interno, a dereita galega non está para dirixir o futuro de Galicia. O 21 de outubro os galegos temos a posibilidade de enfrontar con decisión e capacidade a oportunidade que este novo século nos brinda. Podemos e debemos edificar unha Galicia onde os exitosos exemplos a que aludía deixen de ser excepcións ou se queden en probas dunha potencialidade non explotada. É hora dunha alternancia normal e tranquila, lóxica e necesaria, propia da nosa democracia. Galicia ten posición, identidade e recursos para triunfar, agora si. Podemos construír unha Galicia desenvolvida e moderna, aberta e innovadora, máis xusta e integrada, democrática e plural. Unha Galicia influínte en España e en Europa. Unha Galicia ben posicionada no mundo. O mundo en cambio é a nosa oportunidade, e, ante el, o nacionalismo é xustamente o camiño equivocado. Non se pode construír a Galicia posible nin dende o medo e a desconfianza cara a España e cara a Europa, nin dende as tentacións soberanistas. Ante a cita de outubro propoño enfrontar esta oportunidade cun proxecto de país que mobilice as nosas mellores capacidades. Que faga realidade a Galicia posible: unha nova Galicia emprendedora, próspera e solidaria. Un proxecto seguro e ambicioso que quere congregar -con particular énfase nos mozos que son os protagonistas do novo século- a unha ampla maioría social que o faga posible, unha maioría da que só deberán quedar excluídos os conservadores a reaccionarios da dereita e aqueles que dende o nacionalismo pretendan facer da nosa identidade unha muralla radical e excluínte. Unha maioría que debe reunir ó conxunto de emprendedores e progresistas, dende o centro reformista a toda a esquerda. Que debe incluír tamén un nacionalismo democrático. Un proxecto de país, unha alternativa razoable para a nova Galicia.