CARLOS CASARES
25 ago 2001 . Actualizado a las 07:00 h.Mentres escribo esta columna, nunha finca próxima escoito a un grupo de mozas e mozos que se están bañando nunha piscina. Arman un barullo divertido e vital, chímpanse na auga cada pouco e rin moitísimo. Un deles, quizais o de espírito máis competitivo, desafía ós outros a ver quen resiste máis tempo debaixo da auga. Non podo menos de rir para min mesmo, pois venme á cabeza aquelo que conta Gregorio Marañón respecto do neno-peixe de Liérganes, un rapaz que deu moito que falar en tempos do padre Feijóo, que tiña escamas e vivía nos ríos e no mar. Polo visto, ese é un claro signo de que era un cretino. Esto dos homes-peixe foi crenza bastante común, tanto que o sabio frade galego, tan atento a loitar contra supersticións e outras irracionalidades, deixouse levar por unha historia absurda, pero que contaba con moitos testigos. Cregos e persoas de ben sostiñan que o neno de Liérganes facía recados por mar, de maneira que recorría grandes distancias para cumprir calquera mandado. Houbo quen dixo incluso que vivía nas profundidades. Xente que foi pescada como peixe, que tiña aletas ou outras características deses animais, houbo moita ó longo da historia. O curioso non é o feito en si, senón a cantidade de persoas que o viron e que escribiron para deixar constancia do prodixio. Mesmo houbo un rei, Federico de Nápoles, que botou unha copa de ouro ó mar para que a collese o famoso Peixe Nicolás, o cal apareceu con ela despois de mergullarse durante preto dunha hora. Marabillado o monarca, pediulle que repetise a experiencia, e o pobre home afogou. O poder absoluto ten estas cousas, que resulta caprichoso e insaciable. Como se unha hora de buceo non chegase.