¿DE QUE PROGRESO NOS FALAN?

La Voz

OPINIÓN

ISAAC DÍAZ PARDO CRÓNICAS INCONFORMISTAS

19 ago 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

Xamais conseguíramos reunir tanto lixo, tanta basura, como a que producimos hoxe, o que require grandes esforzos para tentar agachala. Grandes empresas con instalacións que pasman e estrafalarios contedores, que atrancan as novas vilas, pra recoller, clasificado, o lixo, que ano a ano vai a máis. Así a depuración das augas non logra acadar o avance da contaminación. Grandes superficies do país estanse a ocupar con grandes estradas, e construccións, de formigón e asfalto. As vilas fican atrancadas con automotores, algúns inmensos, que as fan insufribles, xunto coas constantes obras de estacionamentos subterráneos e outras para enterrar tuberías para conducir calquer cousa que lle interesa explotar a calquer empresa con poder, xeralmente multinacional. Coma nunca, hoxe dispomos de moitos e grandes hospitais nos que os enfermos fan grandes colas e tardan meses en ser tratados... ¿Tan enferma está hoxe a nosa humanidade? Antes eramos colonizadores e aínda que elo era unha situación inxusta, algún país, que non era colonizador de África, axudou a descolonización para logo en nome do neo-liberalismo entrar a saco neles se quedar co petróleo, cos diamantes, e con todo recurso de valor, e se non entregan eses recursos bombardeaos sistematicamente. Os países colonizadores, que tiñan o poder e o saber, deberán ter axudado á formación e ao asentamento deses povos nas súas terras; mais o que fixeron foi abandonalos, roubalos e asasinar a quen quixera pór orde neles, empobrecéndoos, de xeito que hoxe, desesperados cruzan o mar e chegan a centos ás nosas costas, atraídos polo noso nivel de vida, sen importarlles perder a vida no intento, antes de morrer de fame nos seus propios países. De colonizadores pasamos a ser colonizados por povos menos formados que nós. Axiña teremos unha enorme poboación proletaria, con mellores medios de adaptación que os nosos, que vai definir o noso futuro. Os que mandan no mundo falan de globalización, competencia, privatización, e para defender os seus negocios incrementan a expansión, e con elo os problemas de saturación, e, como na escala ecolóxica inferior, cómense os uns ós outros manexando cifras sideraes. Entre mentres nós ficamos coa boca aberta pasmados ante tanto progreso. Con esta liberdade que temos dentro desta democracia que nos deron que nos permite todo menos chegar ao fondo das maquinacións das estrategias seudo-económicas dos grandes; presumimos que chegamos á lúa, e que uns cantos viven dando voltas á terra, cun custo fabuloso, e nos van envolvendo nunha rede dixital, da que xa non poderemos saír, para se beneficiar en nome de intereses non santos, quéixanse dos coches-bomba e dos sistemas sofisticados para os facer estoupar no momento preciso, e nada digo cando eses dispuñan de elementos nucleares, que a todo van chegar. Namentres un «sabio» di que estamos cerca de conseguir a intelixencia artificial; era o que nos fallaba para completar este xardín de ledicias do progreso, no que Galiza leva sempre as de perder.