PASEANDO POR OURENSE

La Voz

OPINIÓN

CARLOS CASARES

17 ago 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

O outro día achegueime ata Ourense co escritor Alberto Porlan e a súa muller, compañeiros no Expreso da Literatura que o ano pasado nos paseou por Europa durante mes e medio en compañía de colegas de corenta e catro países. Non coñecían a cidade e alá os levei a dar unha volta. Como teño feito eso en moitas ocasións con outros amigos de fóra, xa sabía cal ía ser o resultado. Quedaron marabillados. En primeiro lugar, da catedral, empezando polo pórtico do Paraíso, esa xoia do século XIII tan pouco coñecida dos mesmos galegos, e seguindo polo retábulo maior, para rematar coa capela do Santo Cristo. Despois metímonos pola parte antiga da cidade. Naturalmente, a praza Maior deixounos coa boca aberta, así como o conxunto en xeral, do que destacaron o encanto das praciñas pequenas. Lástima que unha delas, a de San Cosme, fose víctima no pasado dun dos atentados máis cruentos que se poden cometer no campo do urbanismo. E lástima tamén que o Belén de Baltar non se poida ver todos os días. Bastaría con que funcionase a luz. Non resulta fácil de entender por que Ourense, que é unha das cidades máis fermosas de España, permanece como agochada, case descoñecida. A experiencia que vivín o xoves con estes amigos confirmoume unha vez máis que as persoas que recorren as súas rúas, que visitan os seus monumentos ou que simplemente se sentan nalgunha das numerosas terrazas que hai no centro, saen entusiasmadas. Non vai ser fácil corrixir os disparates que se fixeron hai anos (¡aquel edificio da praza Maior, esquina Gregorio Marañón, nas mesmas barbas do Concello!), pero o futuro aínda ten esperanza. As vilas dependen só do amor dos seus habitantes.