CARLOS CASARES
16 ago 2001 . Actualizado a las 07:00 h.Levo uns días en guerra aberta coas toupeiras, que van camiño de converter o xardín nunha paisaxe luar. Hai un par de anos, despois de falar do mesmo asunto nesta columna, recibín unha carta moi simpática e xuiciosa dun lector que me daba un remedio. Dicía que o peor das toupeiras eran as moreas de terra que deixan sobre o céspede, ou sexa, un problema de tipo estético, e que ese pequeno encordio tiña unha solución facilísima: recoller os montonciños, limpar a herba e aproveitar a terra para outro sitio. Fíxenlle caso, ata que me decatei de que andando polo xardín, todo se afundía debaixo dos pes. Este ano, optei por declararlles a guerra, pero sen éxito ningún ata agora, en parte porque a utilización de velenos vai en contra da miñas crenzas. Empreguei mangueiras de auga, botei botes de fume, valinme duns tubos especiais que me aseguraron que os espantaban polo ruído que producían, instalei un aparato de ultrasonidos. Nada serviu para nada. Fatalmente, cada mañá ó levantarme, atopaba a mostra inequívoca do fracaso. O outro día, un amigo poeta díxome que había un remedio de eficacia absoluta e probada: o berberecho. Aconselloume meterlle berberechos (o bicho soamente, sen a cuncha) polo buraco, en cantidades xenerosas. Polo visto, segundo me contou, en canto aqueles podrecen, as toupeiras foxen porque non poden aturar o cheiro. Pareceume razoable, de maneira que encarguei unha bolsa do producto e fixen o que me fora recomendado. De momento, no volvín ver montóns de terra, pero si uns buracos enormes, como feitos pola boca dun lobo. Está claro que o lobo non foi, pero eu non sabía que ós cans lle gustaran tantísimo os berberechos.