ECUADOR

La Voz

OPINIÓN

XOSÉ CARLOS CANEIRO

15 ago 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

Hai un personaxe de Bulgákov, Oblomov, que decide parar a vida encollendo os ombros. En agosto, oficialmente inaugurado coa chegada de Rodrigo Rato a Viveiro, España imita a Oblomov. Un mozo morto por seis balas a dez quilómetros da miña casa. Sharon e os seus helicópteros vengadores bolboreteando o ceo dunha Palestina que non existe. Gescartera arruinando aos arruinados bolsistas. Políticos en permanente campaña electoral gratinando o seu estómago fervoroso nas innúmeras festas gastronómicas do territorio galaico. E Aznar queridísimo Aznar, gobernando impasible dende Menorca. O ecuador de agosto resulta grotesco. Sen embargo, para quince días que quedan, non vou amargar este semanal soliloquio. Se encollemos os ombros, afirmo, a vida detén o seu curso mendaz. Vemos o fulgor do sol, a praia transitada por corpos felices, o Albariño regando o centro exacto do corazón e do lábil universo. Un simple exercicio ximnástico pode salvar este ecuador desencantado. Agachar a cabeza. Ombros arriba. Unha sensación de frescor percorre lentamente o vértice da noite. Sharon, Gescartera, seis balas... son simplemente un fatal recurso da irrealidade. Esa lagarta.