A REALIDADE E OS SOÑOS

La Voz

OPINIÓN

CARLOS CASARES

11 ago 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

Nun congreso de escritores que se celebrou en Estrasburgo alá polos primeiros anos da década dos oitenta, os organizadores discurriron, previo anuncio posto nos periódicos, mandarnos ós asistentes, de dous en dous, como se fósemos periquitos, a cear nos distintos restaurantes da cidade coa xente que se quixese apuntar. A min tocoume con Paul Theroux, que se amosou bastante sorprendido, mesmo escandalizado, de que eu nunca oíra falar del e que, polo tanto, tampouco lera ningún dos seus libros. Aínda así, cousa rara entre as xentes que nos dedicamos a esto de escribir, pasamos unhas horas moi gratas. Á nosa cea apuntáronse dous brasileiros moi cultos e moi ricos, que facían turismo de luxo por Europa, e querían comprobar en qué consistía eso de que houbese xente que escribía en lingua galega. Nova decepción para o bo de Theroux. Non obstante, bo conversador e home moi viaxado, o famoso escritor converteu aquela cea inicialmente disparatada nunha delicia. Loxicamente, despois da experiencia, acabei lendo os seus libros. Foi a primeira vez que oín dicir que Bruce Chatwin non visitara algúns países que describe nos seus libros de viaxes. Desde entón, en distintas revistas, teño lido críticas nese sentido, algunhas escritas polo propio Theroux en plan duro, a pesar de seren amigos. Onte pola tarde, sen ir máis lonxe, estiven vendo unha nova reportaxe que abundaba na mesma opinión. Acordeime de Cunqueiro, que publicou As crónicas do sochantre, centradas na Bretaña, sen estar nunca alí. Foi máis tarde, e resulta que coincidía case todo. E naquilo que non coincidía, a culpa non foi do escritor, senón da realidade, que non entende de soños.