MARINA MAYORAL PÁXINAS SOLTAS
11 ago 2001 . Actualizado a las 07:00 h.No estudio realizado pola Universidade Complutense sobre violencia e discriminación do que lles falei a semana pasada hai un par de puntos que val a pena comentar. Un deles refírese a crenza de que a violencia que se produce dentro dunha casa é un asunto de familia e non debe saír dalí. Un 9 por cento de mulleres e un 19 por cento de homes están dacordo nesa idea. Outro tema conflictivo é a afirmación de que, cando unha muller é agredida polo seu home, algo terá feito para provocalo. Un 12 por cento de homes aceptaa, fronte a só un 1 por cento de mulleres. Estes son os datos do estudio, pero eu teño a impresión de que na realidade son moitos máis. Falando desto con Ana Miguez, presidenta de Alecrín, contábame que ás mulleres agredidas cóstalles moito confesar que son víctimas de violencia física e normalmente comezan dicindo que caeron polas escaleiras, ou touparon contra unha porta ou un neno lles deu cunha pelota nun ollo. Teñen absolutamente asumido que a violencia é un asunto de familia e resístense a saír dese ámbito. Este sentimento é compartido polos amigos e veciños: son moi poucos os que se deciden a intervir cando oen os ruidos que indican que na casa doutro se está exercendo violencia. Pensan que son cousas que unha parella debe resolver soa; que lles poden dicir, como en efecto sucede as veces, que se metan nas súas cousas. Pero este temor non debería impedir unha intervención que non é perigosa para quen a fai (o violento só agrede ó máis débil e raramente ós veciños, sobre todo se hai máis dun) e que axudaría a combatir esa lacra. A vergonza de falar do que pasa dentro da casa únese nas mulleres a un sentimento de culpabilidade que as leva a sentirse responsables da violencia: non calaron cando el comenzou a berrar, non foron dabondo sumisas, non foron as amas de casa perfectas que se espera que sexan... Recorden aquela frase terrible que dixo unha muller ó presentar a denuncia: «o meu home pégame o normal, pero hoxe pasouse, e por eso o denuncio». Ou esta outra, desgraciadamente moi repetida: «Pegoume, e esta vez eu non o merecía». Ó fondo está a idea de que un home ten dereito a pegar se non está conforme co que fai a súa muller. Ou dito doutra maneira: que algo terá feito ela para merecer que a zoupe. Eu penso nesto cada vez que son testigo dunha escea de violencia contra as mulleres ou contra os nenos. Ás veces meto unha pata gloriosa (xa lles contei da parelliña que estaba xogando e eu amoleilles o xogo; e houbo outras... ), pero non me importa. Penso que todos temos a obriga moral de loitar contra a violencia cos medios ó noso alcance: dando a matraca dende as páxinas do xornal, ou petando na porta do veciño. E se nos poñen mala cara, máis se perdeu na guerra de Cuba.