XESÚS ALONSO MONTERO
07 ago 2001 . Actualizado a las 07:00 h.A musa da Historia, xenerosa, pousou o seu saber en Catoira do 1 ó 4 de agosto: o seu saber e a súa oportunidade. Clío, a musa dos historiadores, propuxo ó Concello de Catoira o estudio dunha realidade, o que chamamos o franquismo, que, baixo outros modos, aínda pervive no tecido sociopolítico da actualidade. Do que se falou, inicialmente -tal como rezaba o programa- foi da «resistencia cultural de Galicia no franquismo» no eido estudiantil, no das asociacións, no da literatura, no da prensa, no da canción e no do teatro. Algúns críticos botaron de menos o tema das artes plásticas, dado que foron importantes -e eficaces- certas manifestacións artísticas de protesta. Teñen razón os críticos, pero, nos estreitos límites de catro xornadas, algúns tipos de loita cultural tiñan que quedar fóra do programa. De tódolos xeitos, nos coloquios, longos e moi vivos, subsanáronse certas omisións, sobre todo a da Igrexa, institución no seo da cal apareceron, despois do Concilio Vaticano II, sacerdotes que, por espírito evanxélico, opuxéronse, dun xeito ou doutro, á xerarquía eclesiástica, que tanto se beneficiou do Réxime e que tanto, á recíproca, o protexeu. A cuestión considerouse tan importante que, no coloquio final destas xornadas, acordouse que as próximas, o ano que vén, teñan como tema central «A Igrexa católica en Galicia no franquismo e despois». Hai que facer votos para que Clío, tan dilixente este ano, ilumine, no 2002, ós estudiosos dunha cuestión que esixe, como todas, rigor, pero, tamén, valentía intelectual. Catoira, unha pequena vila pontevedresa, con estas IV Xornadas da Historia, dedicadas á resistencia cultural galega no franquismo, sinala o camiño para futuras xornadas en calquera outro lugar do país: hai que propoñer temas vivos, eses temas ós que son alérxicas institucións oficiais de máis poderosa economía. Os case cen asistentes diarios ás xornadas de Catoira proban elocuentemente este interese. Nalgúns dos coloquios, os participantes, ávidos de noticias sobre a Dictadura, amosábanse moi duros coas deficiencias da actual democracia. Nos catro días de Catoira, o epílogo non foi protagonizado por Clío, musa da Historia, e, si, polas musas da poesía. Baixo a batuta de Xosé Ramón Fandiño e Vicente Araguas recitáronse poemas dos vellos e dos novos poetas do Ullán, algúns excelentes. Como eran versos para seren ditos nunhas xornadas de Historia, poemas houbo que apuntaban ó cerne do noso tempo histórico, entre eles un de Cándido Duro Domínguez e outro de Gonzalo Bouza-Brey, o intelixente e eficiente coordinador das Xornadas. Clío, ó escoitar tales poemas, debeu sorrir con gratitude.