CARLOS CASARES Á MARXE
26 jul 2001 . Actualizado a las 07:00 h.Cando eu era neno e os pobres ían pedir polas casas organizados en pelotóns de sesenta ou setenta, quizais para evitar que os acusasen de estar petando nas portas continuamente, dando a lata, coñecín a unha parella composta por unha mulleriña pequena, de pouco máis de metro e medio, e un home non moito máis grande, que nunca se separaban. Ademais de pobres e feos, debían ser algo inocentes da cabeza. Nunca deixaban de rir a todo o mundo e tiñan unha cara de boa xente que recordaba a un par de querubíns mofletudos, sacados de calquera retábulo. O máis conmovedor era velos comer no mesmo prato. Daquela, eu tiña unha idea bastante simple e boba na cabeza, ignoro se inducida por alguén ou sacada da miña propia colleita interior, cultivada no sitio onde adoitan cultivarse as estupideces. Pensaba que só se podían enamorar as persoas guapas. De aí que estivese tan desconcertado pola relación daquela parella tan pouco agraciada desde o punto de vista físico, pero que irradiaba un cariño inmenso, delicado e cheo de fondo respecto. Anos máis tarde, escoiteille dicir a un amigo, supoño que tamén con pouco fundamento, que os amores dos feos eran máis apaixonados que os dos guapos. Tanto ten. O certo foi que o outro día, falando cos compañeiros da tertulia de Panxón, veume á cabeza unha historia de amor que non conseguín recordar nin onde a escoitei nin quen ma contou. Para o caso dá igual, porque o importante son os feitos. Tratábase dunha parella de xente maior, el coa memoria destruída por unha enfermidade da vellez. Momentos antes de morrer, mentres a muller lle collía unha man, el díxolle: «Non sei quen eres, pero sei que te quixen moito».